Rusia convoca a ONU tras un novo ataque á central de Zaporiyia

Letonia acusa Moscova de patrocinar o terrorismo
Dmitri Polyanskiy no cetro da imaxe (Foto: Evan Schneider / UN Photo / dpa).
photo_camera Dmitri Polyanskiy no cetro da imaxe (Foto: Evan Schneider / UN Photo / dpa).

Dmitri Polyanskiy, embaixador adxunto de Rusia na Organización das Nacións Unidas (ONU), vén de confirmar que convocou unha xuntanza do Consello de Seguridade para tratar a situación da central nuclear de Zaporiyia, que as tropas rusas controlan desde comezos de marzo.

Nesa xuntanza, para a que aínda non foi marcada unha data, agarda que estea presente o director xeral do Organismo Internacional de Enerxía Atómica, Rafael Grossi.

A solicitude chega tras denunciar Moscova que as Forzas Armadas de Ucraína atacaron esta quinta feira de novo a central, a máis grande de Europa, despois de recoñecer Kíiv hai 48 horas que bombardearon a planta a sexta feira e o sábado -após acusar a Rusia de atacar eles propios o lugar.

Con todo, despois da denuncia rusa, as autoridades ucraínas volveron aseverar que o ataque da quinta feira tamén foi efectuado polas tropas de Moscova que dominan o lugar. Perante esta situación, o secretario xeral da ONU, António Guterres, pediu que as instalacións non formen parte das operacións militares, e fixo un “chamamento ás partes para que alcancen un acordo urxente a nivel técnico para asegurar o perímetro e estabelecer a desmilitarización da zona”.

Reclamando “facer uso do sentido común e da razón”, Guterres alertou de que calquera dano á central nuclear “pode levar a consecuencias catastróficas non só para as zonas da contorna, senón para a rexión e o mundo enteiro”.

No plano político, Letonia converteuse esta quinta feira no primeiro país en atender a reclamación de Kíiv de declarar Rusia como país “patrocinador do terrorismo”, por medio dun comunicado do Parlamento báltico.

Nese sentido, Andriy Yermak, xefe da oficina da Presidencia ucraína, exixiu que se continúen a intensificar as sancións contra Rusia para “destruír” a súa economía a “curto prazo”, especulando con que un embargo ao gas natural e ao petróleo ruso podería cumprir este obxectivo.

Suíza xa non é neutral

Amais, o Kremlin rexeitou a pretensión ucraína de que a embaixada helvética en Moscova fose a súa representación, un papel de intermediario que a Confederación desenvolve entre países que non manteñen relacións diplomáticas.

Un dos voceiros do Ministerio de Asuntos Exteriores, Ivan Nechaev, explicou que esa solicitude é “incomprensíbel”, por mor de que “Suíza perdeu o status de país neutral” ao sumarse ás sancións “ilegais” contra o país, que aplican menos dunha cuarta parte dos Estados soberanos 
do planeta.

Comentarios