Rusia anuncia a rendición das milicias ucraínas en Azovstal

O Ministerio de Defensa ruso anunciou a rendición das tropas ucraínas que permanecían en Azovstal. Gran parte dos soldados que se atopaban na zona industrial pertencían ao ultradereitista batallón Azov.
A planta metalúrxica Azovstal atópase na cidade de Mariupol. (Foto: Victor / Xinhua News / Contacto Photo)
photo_camera A planta metalúrxica Azovstal atópase na cidade de Mariupol. (Foto: Victor / Xinhua News / Contacto Photo)

O Ministerio de Defensa ruso anunciou a rendición de combatentes do ultradereitista batallón Azov e militares ucraínos que se atopaban bloqueados na planta metalúrxica Azovstal, situada na cidade de Mariupol.

Segundo indicou, 265 combatentes deixaron as armas durante o último día, 51 deles feridos graves. Todas as persoas que necesitan axuda médica están a ser enviadas a un hospital da cidade de Novoazovsk, na República Popular de Donetsk, afirmou.

A rendición dos combatentes motivou a instauración do réxime de cesamento do fogo nas inmediacións da planta e que se abrira un corredor humanitario, indicou o departamento ruso.

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, publicou un vídeo no que declarou: "Grazas ás accións dos militares ucraínos das Forzas Armadas, da Intelixencia, así como do grupo de negociación, o Comité Internacional da Cruz Vermella e as Nacións Unidas, temos a esperanza de que se poidan salvar as vidas dos nosos mozos".

"Quero subliñar: Ucraína necesita aos heroes ucraínos vivos. É o noso principio. Creo que cada persoa adecuada entenderá estas palabras", destacou o presidente ucraíno. Pola súa parte, a viceprimeira ministra ucraína, Irina Vereschuk, manifestou a intención de intercambiar os feridos no Azovstal por soldados rusos.

Rotas as conversas de paz

O Goberno de Rusia recoñeceu que actualmente non hai ningún tipo de negociación coas autoridades de Ucraína para rebaixar as tensións bélicas, segundo Moscova pola falta de compromiso de Kíiv cun diálogo que practicamente non deu resultados prácticos.

O viceministro de Exteriores ruso, Andrei Rudenko, confirmou que "as conversacións non seguen". "De feito, Ucraína saíu deste proceso", dixo. Os reproches son mutuos, xa que tamén o Goberno de Ucraína se pronunciou en termos similares contra o de Rusia.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios