Rusia advirte que a adhesión de Finlandia e Suecia á OTAN tería "graves consecuencias"

A hipotética adhesión á Alianza Atlántica, di o Kremlin, "requiriría que o país tomase medidas de resposta".
Forzas Armadas de Rusia entrando en territorio ucraíno, esta sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).
photo_camera Forzas Armadas de Rusia entrando en territorio ucraíno, esta sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).

A portavoz do Ministerio de Exteriores de Rusia, Maria Zakharova, apuntou esta sexta feira en declaracións aos medios que unha hipotética adhesión de Finlandia e Suecia á OTAN tería "graves consecuencias".

"Todos os Estados membro da OSCE a título nacional, incluídos Finlandia e Suecia, reafirmaron o principio de que a seguridade dun país non pode construírse a expensas da seguridade doutros. Obviamente, a adhesión de Finlandia e Suecia á OTAN, que é principalmente unha alianza militar, como vostedes ben comprenden, tería graves consecuencias militares e políticas, que requirirían que o noso país tomase medidas de resposta", dixo Zakharova nunha sesión informativa.

Zakharova referiuse tamén, de forma máis específica, a Finlandia, país fronteirizo con Rusia: "Consideramos que o compromiso do Goberno finlandés cunha política de non aliñamento militar é un factor importante para garantir a seguridade e a estabilidade no norte de Europa".

Esta cuarta feira o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, convidou Suecia e Finlandia a asistiren esta sexta a un cumio virtual da OTAN sobre a situación en Ucraína e a súa contorna.

Ese mesmo día, a primeira ministra finlandesa, Sanna Marin, dixo que o seu país estará "disposto" a unirse á OTAN "se a cuestión da seguridade nacional se agudiza".

Tamén o presidente de Finlandia, Sauli Niinisto, asegurara recentemente que o seu país se reservaba o dereito a pedir o ingreso na OTAN se o consideraba "oportuno".

O Goberno sueco, pola súa parte, rexeitou polo de agora solicitar o ingreso na Alianza Atlántica, mais a mediados de xaneiro a ministra de Asuntos Exteriores, Ann Linde, precisou que a decisión sobre se ingresar ou non na OTAN corresponde exclusivamente ao seu país "e non a Rusia".

Comentarios