Rusia acusa os EUA de impulsar unha campaña de desinformación a nivel mundial

A Administración de Vladimir Putin sinala que os EUA nunca ofrecen probas da suposta preparación dunha invasión a Ucraína, creada por medio "dunha campaña de desinformación".
Carros de combate ucraínos realizando manobras militares a pasada semana (Foto: Ukrinform / DPA).
photo_camera Carros de combate ucraínos realizando manobras militares a pasada semana (Foto: Ukrinform / DPA).

“Unha campaña de desinformación a grande escala”, así cualifica o Ministerio de Relacións Exteriores de Rusia a actuación dos Estados Unidos (EUA) con respecto á suposta invasión de Ucraína.

“A finais de 2021 e principios de 2022, o espazo de información global enfrontou unha campaña mediática sen precedentes na súa escala e sofisticación”, sostén o organismo, que salienta que o obxectivo desta campaña “é convencer a comunidade mundial de que Rusia está a preparar unha invasión a Ucraína.

Nas últimas xornadas, responsábeis da Administración dos EUA como o asesor de Seguridade Nacional Jake Sullivan, declararon que Rusia atacará durante ou ao remate dos Xogos Olímpicos de Inverno, que están decorrendo en Beijing (China).

Non obstante, o embaixador ruso en Washington, Anatoli Antonov, reiterou que estas acusacións non “están apoiadas por ningunha evidencia”, e incide en que nunca se ofrecen probas.

“Incluso os observadores locais sinalan que a confianza da cidadanía estadounidense nesas declaracións diminuíu bruscamente”, defende, cando amais, na primavera de 2021 os EUA e a alianza militar que lideran, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), xa reiteraran que Rusia estaba a piques de atacar Ucraína, e que supostamente contaba con milleiros de soldados na fronteira preparados para a acción.

Asemade, os EUA recomendaron que as persoas dos EUA que residan no país abandonen Ucraína.

Ao longo do día, está programada unha chamada telefónica entre o presidente ruso, Vladimir Putin, e o seu homólogo estadounidense, Joe Biden, que chega após as conversas entre Ucraína, Alemaña, Francia e Rusia.

Dmitri Kozak, xefe adxunto da Presidencia rusa, acusou estes países de estar “xogando” e de non ter ningunha intención de cumprir os acordos de Minsk, que marcaba as pautas para a normalización da situación.

Comentarios