Despois de constatar nas reunións que mantivo a terza feira cos grupos parlamentarios que o líder do Partit dels Socialistes (PSC-PSOE), Salvador Illa, conta co apoio das 68 deputadas e deputados que conforman a maioría absoluta no Parlamento de Catalunya, o presidente do lexislativo, Josep Rull (Junts), trasladou que propuxo Illa como candidato á investidura.
Ao tempo, comunicou que a cuarta feira convocará a Deputación Permanente da Cámara, á que demandará que valide a súa proposición para que o Pleno de investidura se desenvolva a partir da quinta ás 10 da mañá.
Pola súa parte, PSC, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Comuns Sumar reclamaron con “carácter urxente e inmediato” que se reúna a Deputación Permanente.
Sexa como for a sesión estará marcada polo regreso do exilio do ex presidente Carles Puigdemont (Junts) para asistir ao Pleno.
Ante a posibilidade de que sexa detido polos obstáculos que o sistema xudicial español, copado polos conservadores, está a pór á implementación da lei de amnistía a persoas independentistas catalás represaliadas no marco do proceso de autodeterminación, o secretario xeral de Junts, Jordi Turull, indicou que nese caso solicitarán a Rull a suspensión da sesión.
Despedida de Aragonès
Asemade, o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, que abandonará a primeira liña política unha vez sexa elixido o seu sucesor, salientou despois da última reunión do seu Executivo que o acordo entre ERC e PSC, que implica un novo modelo de financiamento para o país equiparábel ao concerto vasco, é o “paso adiante máis importante para a soberanía de Catalunya desde a recuperación da Generalitat tras o franquismo”.