venres 30/10/20

Ruíz Escudero: “Non podemos pasar cada día dun criterio de incidencia acumulada segundo se levante o ministro”

Representantes da Comunidade de Madrid son moi críticos co papel do ministro de Sanidade, Salvador Illa, na decisión de confinar a comunidade. Os políticos lamentaron que non se permitise o levantamento das restricións á mobilidade hoxe mesmo.

EuropaPress_3372938_presidenta_comunidad_madrid_isabel_diaz_ayuso_alcalde_madrid_jose_luis
Representantes da Comunidade e do Concello de Madrid. (Foto. Europa Press)

As persoas á fronte da Comunidade de Madrid, volven escribir un capítulo no enfrontamento aberto co Ministerio de Sanidade polas decisións que impuxo este último para intentar frear a vaga de contaxios na rexión.

“Non podemos pasar cada día dun criterio de incidencia acumulada segundo como se levante o ministro”, afirmou hoxe o conselleiro de Sanidade do Goberno autonómico de Isabel Díaz Ayuso, Enrique Ruiz Escudero.

Así se manifestou após coñecer a negativa de Illa a levantar o estado de alarma que pesa sobre Madrid desde o venres (grazas a un Consello de Ministros ao que houbo que recorrer trala denuncia da Comunidade ante a Xustiza por un defecto de forma) até que a incidencia acumulada do virus nos últimos 14 días sexa de 200 casos, ou mesmo só 100, por cada 100.000 habitantes.

Desde o punto de vista do político, o Ministerio xa tería que estar a aplicar os mesmos criterios que impuxo en Alcalá, unha localidade que non está en estado de alarma.

Ruiz Escudero resaltou que o dato do seu departamento “elaborado, contrastado, transparente” fala de 457 casos por 100.000 veciñas e veciños en toda a comunidade na semana do 5 ao 11 de outubro e de 460 na cidade de Madrid.

O representante do Executivo autonómico defendeu as súas estatísticas ante os medios malia que non encaixen coas que ten o ministro Salvador Illa.

“Quen detecta aos contaxiados é a Consellaría de Sanidade, quen sube eses datos á aplicación é a Consellaría de Sanidade”, finalizou.

Neste sentido, criticou a Illa e pediulle unhas medidas “homoxéneas” e “contrastadas a nivel técnico” para que todos os territorios sexan iguais.

comentarios