Rubalcaba anuncia unha moción de censura se o PP veta a comparecencia de Rajoy

O secretario xeral do PSOE asegurou esta terza feira que o seu grupo parlamentar presentará unha moción de censura no Congreso se Mariano Rajoy non comparece para dar explicacións polo 'caso Bárcenas'. O PP empregou a súa maioría absoluta no Senado para que o presidente español non dea explicacións nas Cortes

Alfredo Pérez Rubalcaba
photo_camera Alfredo Pérez Rubalcaba

Embora o PSOE mantivese a ambigüidade nas súas declaracións após as últimas informacións publicadas na imprensa, Alfredo Pérez Rubalcaba asegurou esta terza feira, que presentarán unha moción de censura a Rajoy se o Partido Popular continúa a rexeitar a comparecencia do presidente español na Cámara baixa. O anuncio prodúcese após tombar o grupo maioritario nas Cortes españolas, unha solicitude de comparecencia presentada pol@s socialistas no Senado. 

O PSOE presentará unha nova solicitude de comparecencia que, de ser rexeitada polo PP, devirá nunha moción de censura

Segundo informou o secretario xeral do PSOE nunha intervención aberta aos medios, o obxectivo do seu grupo é que Rajoy "por fin compareza" para explicar os últimos dados coñecidos en relación ao 'caso Bárcenas'.

E é que o xornarl El Mundo revelou mensaxes de texto partilladas entre o presidente español e o ex-tesoureiro do PP. Nelas, Rajoy instou a Bárcenas a negar a existencia dunha contabilidade B no Partido Popular e máis do pagamento de sobresoldos á cúpula do partido durante 20 anos. 

O Grupo Mixto e a Izquierda Plural exixen a disolución das Cortes e a convocatoria de eleccións antecipadas

"O Goberno co seu bloqueo", afirmou Pérez Rubalcaba, "non nos deixa outra solución". Asemade e recoñecendo que en termos parlamentares "a oposición non ten a forza suficiente" --o PP ten maioría absoluta-- para facer demitir a Rajoy, o líder socialista dixo que, si a ten en termos morais, afirmou. 

Deputad@s do PP urxen ao presidente español a comparecer
Aseguran que sería "un alivio" mais todo apunta a que Mariano Rajoy non o fará. Segundo afirmou a pasada segunda feira en resposta á 'polémica' pregunta do xornalista de ABC, un mandatario non pode "estar respondendo" a cada "rumor" que se lanza sobre el. 

Comentarios