Ruanda acurrala o "heroe do xenocidio"

Paul Rusesabagina, activista político ruandés coñecido por dar refuxio a miles de tutsis que fuxían do xenocidio de 1994, apareceu no país o 31 de agosto –baixo arresto– en circunstancias pouco claras. Crítico co Goberno e co relato oficial sobre aquela matanza, a xustiza acaba de imputalo por un total de 13 cargos de terrorismo.
paul_rusesabagina-marsaili_mcgrath-europapress
photo_camera Paul e Tatiana Rusesabagina, nunha foto de arquivo. O líder opositor ten na actualidade nacionalidade belga e reside nos Estados Unidos (Europa Press)

Paul Rusesabagina, o activista político de Ruanda coñecido internacionalmente por ser o director do hotel Mille Collines, en Kigali, onde máis de 1.200 persoas buscaron refuxio durante o xenocidio de 1994, compareceu nas últimas horas perante un tribunal do país e foi imputado por 13 cargos relacionados con terrorismo. Nomeadamente, segundo informaron os medios nacionais, está acusado de asasinato, terrorismo, financiamento de terrorismo, incendio intencionado e formación de grupos terroristas, entre outros delitos. 

A súa repentina aparición en Ruanda o 31 de agosto continúa a ser un misterio, e as autoridades aínda non ofreceron ningunha explicación a respecto da súa transferencia desde os Emiratos Árabes Unidos. O Goberno emiratí sostén que Rusesabagina abandonou Dubai de forma legal nun jet privado e negou calquera participación no seu arresto.

Pola súa banda, o presidente ruandés, Paul Kagame, negou hai uns días nunha comparecencia na televisión nacional que Rusesabagina fora vítima dunha desaparición forzada, aínda que insinuou que fora enganado para regresar a Ruanda. Dixo: "Chegou aquí con base no que cría e quería facer. É como cando chamas a un número de teléfono para poñerte en contacto con alguén e descobres que marcaches o número equivocado. Así é como aconteceu. Non houbo secuestro. Foi realmente impecábel".

Rusesabagina, ademais, ten nacionalidade belga e reside nos Estados Unidos. Esta circunstancia foi a base da defensa. David Ruzaga, un dos avogados, argumentou que o seu cliente vive no estranxeiro e que non estaba en Ruanda para cometer os delitos de que está acusado.

O fiscal á fronte do caso, Oscar Butera, rebateuno: "Aínda que o sospeitoso é ruandés e nunca renunciou á súa nacionalidade, tamén xulgamos os estranxeiros que cometeron delitos aquí".

'Hotel Rwanda'

Agora activista político, fíxose internacionalmente coñecido despois da estrea en 2004 do filme Hotel Rwanda, escrito e dirixido polo irlandés de Belfast Terry George ─guionista tamén de In the Name of the Father─ e protagonizado polo actor estadounidense Don Cheadle, que encarnou a Rusesabagina, mais a actriz inglesa Sophie Okonedo, que fixo o papel de súa muller, Tatiana. 

Desde hai anos, fóra xa de Ruanda, lidera a oposición política ao Goberno ruandés, que sustenta a Fronte Patriótica Ruandesa (FPR), a formación á fronte do país desde que o seu brazo armado ─encabezado por Kagame─ derrotase en 1994 as daquela forzas gobernamentais e puxese fin ao xenocidio da poboación tutsi por parte do Goberno hexemónico hutu.

O próximo 1 de outubro faranse 30 anos do inicio da guerra civil en Ruanda. En 1993 chegouse a unha tregua, mais esta finalizou o 6 de abril de 1994, cando o avión do presidente, Juvénal Habyarimana, foi derrubado perto do aeroporto da capital, Kigali, matándoo a el e mais o presidente de Burundi, Cyprien Ntaryamira. Na actualidade aínda se descoñece a autoría do ataque. A FPR culpou os extremistas hutu no Goberno ruandés. 

En calquera caso, este ataque ─sumado ao rumor estendido pola emisora de radio RTLM de os tutsi quereren matar todos os hutu─ deu inicio ao xenocidio, que se estendeu até o 15 de xullo de 1994. Durante eses aproximadamente 100 días, máis de medio millón de persoas foron asasinadas (algunhas fontes falan de até un millón): 70% da poboación tutsi foi exterminada. 

A FPR relanzou entón a ofensiva e foise facendo paulatinamente co control do país, e aínda que virtualmente todas as persoas mortas a mans desta guerrilla foron hutus, a FPR rexeitou sempre calquera hostilidade baseada en distincións étnicas.

Relato oficial en dúbida

Rusesabagina, porén, rompeu o código de silencio arredor da narrativa oficial sobre o xenocidio. Fíxoo en 2007, asegurando que os tutsis non foran as únicas vítimas do xenocidio, asegurando que comandos tutsi asasinaran e incineraran nos bosques un incontábel número de hutus e que ademais foran responsábeis do ataque ao avión de Habyarimana. Por todo isto pediu á ONU o procesamento das tropas de Kagame polos crimes sistemáticos contra os hutus.

Rusesabagina é actualmente presidente do Movemento Ruandés para un Cambio Democrático (MRCD), unha coalición de grupos opositores, desde onde tamén é crítico cos supostos casos de corrupción en que está involucrado o Goberno. 

O Executivo, pola súa banda, culpa as Forzas de Liberación Nacional (FLN), grupo rebelde vinculado co MRCD de varios ataques en 2018 contra poboación civil. Rusesabagina manifestou publicamente o seu apoio ás FLN.

Comentarios