RTVE admite que se referiu a Franco como ''caudillo'' nun informativo

Foi no telexornal emitido pola primeira canle o 6 de xullo, na información en que daban conta do peche da central de Garoña, inaugurada polo ditador en 1971.

photo_camera Franco inaugurando Garoña [Arquivo SG]


"Foi o 21 de setembro de 1971 cando o caudillo Francisco Franco accionou os mandos para que se puxera en marcha a que fora daquela a segunda central atómica de España".

Foi o texto que leu un redactor da televisión pública española namentres se emitían imaxes que repasaban a historia da central de Garoña, ampliando a información sobre o seu peche. 

Nunha resposta escrita á pregunta parlamentar formulada por Izquierda Plural, o director de RTVE, Leopoldo González-Echenique, recoñeceu que no telexornal emitido o 6 de xullo na primeira canle da televisión española se falou do ditador como "el caudillo", que foi "un erro", que el non partilla esa denominación e que desde a dirección de informativos xa se lle pediron explicacións ao redactor, do cal destacan a súa "profesionalidade" e a súa "ampla e recoñecida traxectoria".

Segundo informou a axencia de noticias Europa Press, o traballador explicou que tratara de ser "o máis aséptico posíbel" e que empregou o termo 'caudillo' "coa única intención de explicar que posición tiña Franco naquel momento" (o 21 de setembro de 1971)

A deputada de Izquierda Plural que formulou a pregunta, Laia Ortiz, quixo saber se a corporación tiña intención de se desculpar, así como de proceder ao cesamento tanto do director de informativos como das persoas responsábeis da edición do texto que se leu en off canda as imaxes de Franco. "Todo erro merece unha desculpa e a adopción das medidas oportunas para evitar que se volva cometer no futuro", sinalou González-Echenique, aclarando que non vai cesar a ninguén polo acontecido.

Comentarios