Rotura definitiva en Portugal entre Bloco de Esquerda e PS

Aprobado o Orçamento do Estado para 2021 cos votos a favor do Partido Socialistas e a abstención da esquerda. O BE votou en contra ao igual que as catro formacións da dereita. 
Sessão Plenária, do dia 17 de junho de 2020, onde onde foi debatida e votada a Proposta de Lei que aprova o Orçamento Suplementar para 2020.
photo_camera Imaxe dunha sesión plenaria na Assembleia da República, o pasado mes de xuño (parlamento.pt)

O Goberno de Portugal, que preside António Costa, logrou onte a aprobación inicial do Orçamento do Estado para 2021 (OE 2021). Fíxoo malia o voto en contra do seu socio nos últimos anos, o Bloco de Esquerda (BE), e grazas ao único apoio dos 108 deputados dos Partido Socialista (PS); así como ás abstencións do Partido Comunista de Portugal (PCP), do ambientalista Pessoas–Animais–Natureza (PAN),  do Partido dos Verdes (PEV) e das deputadas non inscritas Joacine Katar Moreira e Cristina Rodrigues. Alén do BE, tamén se opuxeron o PSD, o CDS-PP, o Chega e Iniciativa Liberal, catro formacións que van do centro liberal á extrema dereita. As cinco sumaron en total 105 votos.

O Serviço Nacional de Saúde (SNS) centrou boa parte do debate de onte. E foi o principal tema de discrepancia para o BE non apoiar as contas do Goberno. "Os serviços estão a rebentar, e ainda não chegamos aos piores momentos da pandemia", argumentou a líder da formación, Catarina Martins, ao anunciar o voto contrario do BE. 

Todo o contrario defendeu a ministra da Saúde, Marta Temido, dicindo que o SNS "demonstrou resiliência e continuará a fazê-lo com novas respostas". Ademais, criticou os partidos opostos á proposta de OE 2021.

Mais tamén desde a esquerda que propiciou a aprobación houbo críticas. João Oliveira, do PCP, dixo que o orzamento "não dá garantias de inverter o rumo que está em curso". Os comunistas foron ademais moi críticos coa xestión do SNS. E Mariana Silva, do PEV, falou do "cansaço" dos profesionais da saúde.

Outras discrepancias

Para o BE, porén, houbo máis áreas que impediron chegar ao acordo co PS. Por exemplo, viu insuficiente o apoio económico aos traballadores previsto pola perda de ingresos. Tamén defendeu alterar as regras laborais fixadas en tempos da troika, nomeadamente o aumento da compensación por despedimento. Ou que o período de proba dos traballadores á procura dun primeiro emprego fose reducido. "Faça os jogos políticos que quiser, o Bloco não mudará de voz", dixo Martins dirixíndose a Costa.

O voto do BE supón o tiro de gracia á geringonça ─termo que designou o acordo programático das tres forzas da esquerda parlamentaria, PS, BE, PCP-PEV, tras as lexislativas de 2015─, moribunda após as eleccións de hai un ano. Porén, a ministra de Trabalho chamou onte a continuar negociando "en conjunto". 

Comentarios