Rotundo triunfo da independencia no referendo de Bougainville

Perto de 98% das persoas que votaron nesta consulta – non vinculante- optaron por esta vía

Bougainville

O referendo convocado en Bougainville para dilucidar o status político que as e os habitantes deste arquipélago baixo soberanía de Papúa Nova Guinea queren deixou un resultado rotundo: 97,7% votaron a favor da independencia, segundo o informe emitido esta cuarta feira pola Comisión Electoral.

As votacións decorreron entre 23 de novembro e 7 de decembro e desenvolvéronse “de acordo cos estándares internacionais”, di a Comisión, que informou que a participación superou 87% nun censo de 207.000 persoas inscritas.

A pregunta formulada no referendo era: “Está de acordo con que Bougainville teña: maior autonomía ou independencia?”.

O referendo é parte do acordo de paz entre a guerrilla e o goberno papú acadado en 2001, non é vinculante e fica supeditado a unha negociación entre os gobernos autónomo e estatal. Será o Parlamento papú quen vote sobre este acordo.

A autonomía de Bougainville, composta polas illas de Bougainville, Buka e varios atolóns - posúe un dos xacementos máis ricos de ouro e cobre do Pacífico.  

Comentarios