Romanía conxela durante un ano os prezos da luz e o gas

Outros países da UE estudan medidas como subir os impostos ás compañías eléctricas, cuxos beneficios, segundo a OCDE, aumentarán en 200.000 millóns de euros.
A OCDE propón subir os impostos ás grandes eléctricas (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A OCDE propón subir os impostos ás grandes eléctricas (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Os líderes europeos comezan a tomar medidas para paliar a constante suba dos prezos da electricidade, o gas e os carburantes por mor da guerra en Ucraína, unhas tarifas que na Galiza están a alcanzar máximos históricos.

Segundo recolle a axencia EFE, o primeiro ministro de Romanía, Nicolae Ciuca, vén de anunciar que o seu Goberno fixará, a partir do vindeiro 1 de abril, un prezo máximo para a luz e o gas, quer para particulares quer para empresas, que se manterá conxelado durante un ano.

Aliás, o Goberno romanés instará a Unión Europea (UE) a "redirixir todos os fondos de programas europeos destinados á economía romanesa" que non se executasen aínda a "axudar" ás empresas do país.

No que atinxe aos combustíbeis, o ministro de Finanzas de Romanía, Adrian Câciu, avanzou en febreiro unha redución "temporal" á metade dos impostos especiais sobre este ben.

Outras medidas na UE

Outros países como Francia tomaron tamén medidas nesta liña. Así, as e os franceses gozarán dun desconto de 15 céntimos por litro nos carburantes durante catro meses, a partir tamén do 1 de abril, segundo informou o primeiro ministro, Jean Castex.

En Portugal aplicarase unha proposta semellante: o desconto no combustíbel será de 0,40 céntimos por litro nun depósito de 50 litros, e o Imposto ao Carbono non medrará, cando menos, até o 30 de xuño de 2022.

Aliás, esta segunda feira o secretario xeral da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), Mathias Cormann, propuxo subir os impostos ás grandes eléctricas, cuxos beneficios, segundo este organismo, poderían aumentar en 200.000 millóns de euros no contexto actual.

"Dados os beneficios das empresas enerxéticas, asociados ao forte incremento dos prezos, hai capacidade para aumentar o nivel de impostos que están a pagar as empresas deste sector e redirixir parte dese diñeiro a medidas que compensen o impacto", apuntou Cormann.

Esta medida, de feito, xa a aplicaron países da UE como Italia ou Romanía. Cormann reuniuse esta segunda feira co presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nun encontro no que lle propuxo tamén a idoneidade de adoptar esta medida.

Comentarios