Rohani acusa a Israel de asasinar a Fakhrizadeh para "xerar guerra"

O presidente iraniano tamén criticou unha iniciativa parlamentaria por, segundo sinalou, pór en perigo as negociacións coa Axencia Internacional para a Enerxía Atómica e cos EUA de Biden.
EuropaPress_2875242_presidente_iran_hasan_rohani_reunion_gubernamental (1)
photo_camera O presidente do Irán, Hassan Rohani, nunha foro de arquivo (Foto: Presidencia do Irán)

O presidente do Irán, Hassan Rohani, acusou hoxe a Israel de asasinar o científico Mohsen Fakhrizadeh, considerado como o director do programa nuclear do país, co obxectivo de "xerar inestabilidade e guerra" antes de finalizar o mandato de Trump como presidente dos EUA. Neste sentido manifestou que o Goberno iraniano se reserva o dereito a responder "no momento e no lugar adecuados" contra o "réxime sionista". 

Fakhrizadeh foi asasinado o 28 de novembro nun ataque perto de Teherán que o Ministerio de Defensa cualificou como un "covarde acto de terrorismo". As autoridades apuntaron desde entón a Israel como responsábel.

O científico, un profesor de física e oficial da Garda Revolucionaria, foi citado en 2018 polo primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, como o director do programa de armas nucleares do Irán. "Lembren ese nome, Fakhrizadeh", manifestara durante a presentación dunha serie de documentos que, segundo asegurou, foran obtidos durante unha operación nunha instalación iraniana.

O de Fakhrizadeh é o segundo asasinato selectivo dun funcionario iraniano de alto rango, despois da morte o pasado mes de xaneiro do entón xefe da Forza Quds da Garda Revolucionaria, Qasem Soleimani, nun bombardeo no aeroporto da capital do Iraq, Bagdad.

Acordo nuclear

Por outra banda, Rohani reiterou que o acordo nuclear de 2015 non é negociábel e fixo fincapé en que "se todas as partes o aplican, o Irán tamén o fará". Teherán deixou de cumprir diversas cláusulas por mor da decisión dos EUA de abandonar o acordo en 2018 e retomar as sancións contra o país.

Ao respecto, desvinculou o programa de mísiles balísticos do acordo nuclear e expresou o desexo de Teherán de que a chegada de Joe Biden á Casa Branca supoña a retirada das sancións, segundo informou a axencia iraniana de noticias Mehr.

Ademais, apuntou que "non se debe permitir que asuntos colaterais innecesarios como as pelexas internas provoquen que se perda de vista o premio principal", en referencia a unha lei impulsada no Parlamento polos membros da liña dura para acelerar o proceso de enriquecemento de uranio e bloquear ou expulsar os inspectores internacionais, contradicindo o acordo de 2015.

"A nova lei no Parlamento non é intelixente", criticou, á vez que advertiu de que podería danar as relacións coa Axencia Internacional para a Enerxía Atómica (AIEA) e dificultar as posíbeis conversas cos EUA tras a chegada de Biden á Presidencia.

Comentarios