Deputada de C’s pola Coruña

Rivera de la Cruz, conselleira de Cultura en Madrid

Coñecida polas súas declaracións públicas contrarias á normalización e promoción do galego e á toponimia oficial da Galiza, Marta Rivera de la Cruz, elixida deputada de Ciudadanos pola Coruña, será conselleira de Cultura e Turismo na Comunidade de Madrid.

Albert Rivera en Vigo (Foto: Ciudadanos)
photo_camera Á esquerda, Marta Rivera de la Cruz, con Albert Rivera (Foto: Ciudadanos)

A escritora e xornalista Marta Rivera de la Cruz, nada en Lugo, será a encargada da Consellaría de Cultura e Turismo na Comunidade de Madrid. A galega apresentárase como candidata ao Congreso primeiro por Madrid e despois pola Coruña.

A presidenta eleita da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, sinalara a pasada sexta feira, que lle “encantaría” que Rivera de la Cruz fose a conselleira de Cultura e cualificábaa como unha persoa “extraordinaria”. Na mañá deste sábado medios madrileños confirmaban a fichaxe da escritora, que deixaría a acta no Congreso.

Rivera de la Cruz fora parlamentar de Ciudadanos pola circunscrición de Madrid entre 2015 e 2019 e fora presidenta da Comisión de Cultura. Revalidara a acta pola circunscrición da Coruña nas pasadas eleccións xerais. Unha candidatura que espertara críticas debido á escasa relación da aspirante laranxa con Galiza.

Prevese que os integrantes da Goberno da Comunidade de Madrid, unha coalición de PP e Ciudadanos, tomen posesión a próxima terza feira.

Galegofobia

A escritora, integrante da dirección de Ciudadanos, tense pronunciado en defensa da asociación ultraespañolista Galicia Bilingüe e amosouse especialmente belixerante coa política de normalización lingüística do goberno bipartito da Xunta de Galiza. “O bipartito intentou eliminar o castelán da vida pública”, apuntou.

Os seus polémicos chíos tamén a fixeron coñecida nas redes sociais: “que no me toque mucho las narices, que empiezo a decir Rianjo”. “A mí es que me gusta La Coruña”.

O malestar acrecentou cando a Xunta decidiu homenaxear Rosalía de Castro no Día Internacional da Muller coa intervención de Rivera de la Cruz, malia as súas posicións contrarias ao galego e malia ser autora dunha obra escrita integramente en español.

No seu proprio blogue, no ano 2010, Rivera de la Cruz escribía, en español, despois das multitudinarias manifestacións en defensa do galego no ensino: “Galicia é bilingüe e, tendo durante tres anos aos nacionalistas no dique seco, a cousa volverá polos seus foros. Cada un falará como lle dé a gana, e a outra cousa. O que tiña que facer Feijóo xa o fixo: pechar a billa. Cortar o suministro das xenerosas subvencións. As viaxes pagadas e as axudas aos castelanófobos. Feito isto, que berren cando queiran, que convoquen manis e que faciliten as cousas para que os estudantes teñan máis dias de asueto. Para o que lles vai servir!”.
 

Comentarios