Rivera e Arrimadas endurecen as prácticas simbólicas do españolismo ao retirar lazos amarelos

Os lazos amarelos son símbolos de liberdade: o preciso ben que lles falta ás presas políticas catalás. Retiralos, atentar contra eles, tamén é un símbolo. Xusto do contrario. Cs está disposto a non deixarse gañar espazos polo PP de Casado e pouco menos que compite directamente co extraparlamentar Vox.

lazos
photo_camera Foto: NacióDigital

A consolidación demoscópica do PSOE de Pedro Sánchez e un certo repuntamento das expectativas do PP de Pablo Casado puxeron directamente dos nervos a dirixencia do partido laranxa. Cs enxergou o horizonte e tomou unha decisión táctica: neste momento o prioritario é frear o retorno á súa casa dos antigos votantes do PP que nun momento dado ficaron seducidos polas propostas populistas de forte arrecendo españolista do dueto Rivera-Arrimadas. Iso é o que explica que Cs —en teoría un partido centrista que non partilla o eixo tradicional dereita-esquerda— anunciase a súa abstención na tramitación parlamentar do decreto de exhumación de Franco. E iso é o que explica que este artefacto político apadriñado por sectores do capital financeiro —co Banco de Sabadell na ponte de mando— decidise recruar a ofensiva españolista en Catalunya con vistas a recompor a súa figura e a recuperar o espazo perdido.

Este é o contexto que permite entender o acto desta cuarta feira, os dous máximos referentes da formación laranxa —Albert Rivera e Inés Arrimadas— a convocar a imprensa en Alella para que tomasen imaxes deles a retiraren lazos amarelos, o símbolo dos millóns de cataláns que demandan a posta en liberdade das presas independentistas.

Rivera e Arrrimadas apostan en intensificar o conflito político en Catalunya, porque viven del.

O líder do partido xustificou a súa acción co argumento de que estaba a "limpar" o espazo público de "símbolos ideolóxicos" e perante a inacción do Goberno Sánchez.

Rivera cargou tamén contra o president da Generalitat, Quim Torra, ao que afeou dar soporte "aos comandos separatistas". Baixo o seu ponto de vista, a falta de "neutralidade" nos espazos públicos é un sinal de que Catalunya sofre unha "fractura social".

De nada serviu a efectos prácticos a retirada dos lazos: poucos minutos despois de desapareceren Rivera e Arrimadas da escena, veciñas e veciñas de Alella repuxéronos como mostra de que a demanda da liberdade das presas políticas goza dun enorme apoio social en Catalunya.

Comentarios