Rith 2016: 2.600 quilómetros e 50.000 corredores a prol do gaélico

A carreira popular percorrerá ao longo de 11 días os 32 condados irlandeses para apoiar proxectos e iniciativas na lingua propia da illa.

Irlanda gaélico rith

O gaélico irlandés é a primeira lingua de 130.000 persoas en Irlanda, onde algo máis dun millón de irlandeses afirman ter algún grao de coñecemento do idioma propio da illa. Para alén de institucións e administracións, hai un movemento asociativo que pula desde a base polo gaélico, centrándose en cuestións como crear as gaelscoil, escolas sustentadas polas familias e onde hai inmersión lingüística en gaélico. Existen 376 destas escolas, onde cursan os seus estudos por volta de 50.000 alumnos. Un número que vai en aumento. E canda estas escolas veñen se crear as Naínonraí, gardeirías promovidas por este movemento e cos mesmos criterios de inmersión lingüística.

É neste marco de pulo polo gaélico onde decorre Rith, a carreira que atravesa Irlanda en apoio a este idioma. Rith (correr, en gaélico) dura 11 días, percorre 2.600 kilómetros a través dos 32 condados da Illa (os 26 da República e os 6 baixo soberanía británica) e nela toman parte máis de 50.000 corredores.

A iniciativa naceu en 2010 e realízase cada dous anos, no marco da 'Seachtain na Gaeilge', a Semana do Gaélico, na que hai múltiples actos e proxectos por todo o país coa lingua irlandesa como protagonista.

Información extraída de http://nacions.blogspot.com.es/

Comentarios