Rishi Sunak supera o limiar dos 100 avais para suceder a Liz Truss

O ex ministro de Finanzas e candidato nas últimas primarias dos conservadores alcanzou a cota necesaria para formalizar a súa candidatura e asumir o posto de primeiro ministro de Reino Unido.
Rishi Sunak, candidato a suceder a Liz Truss. (Foto: Beresford Hodge / PA Wire / dpa).
photo_camera Rishi Sunak, candidato a suceder a Liz Truss. (Foto: Beresford Hodge / PA Wire / dpa).

O ex ministro de Finanzas británico Rishi Sunak alcanzou na noite desta sexta feira os cen avais necesarios entre os deputados 'tories' na Cámara de Representantes para postularse como candidato a suceder a Liz Truss á fronte do Partido Conservador e do Goberno de Reino Unido.

O que tamén foi candidato nas últimas primarias dos conservadores alcanzou a cota fixada despois de que o deputado polo distrito de Bournemouth Leste, Tobias Ellood, anunciase a súa decisión nunha mensaxe en Twitter.

"O experimento de mercado libre terminou: foi un punto baixo na gran historia do noso partido. Comeza o reinicio. É hora dun goberno centrista, estábel e fiscalmente responsable que ofreza un liderado nacional e internacional críbel. Honrado de ser o deputado 'tory' número 100 en apoiar a Rishi Sunak", anunciou Ellod no seu comunicado.

Desta forma, Sunak é o primeiro dos posíbeis candidatos en obter o mínimo de cen apoios impostos polo Comité 1922 Partido Conservador co fin de axilizar o proceso de primarias, xa que o número máximo de candidatos se reduce a tres.

Unha sucesión máis áxil

Os 'tories' marcáronse como obxectivo resolver a sucesión da agora ex primeira ministra británica nunha semana, motivo polo que aumentaron de 20 a 100 os avais esixidos para optar ao posto de xefe do Executivo de Reino Unido.

Con todo, o presidente do Comité 1992, Graham Brady, confirmou a sexta 28 de outubro como a data límite para liquidar a sucesión de líder no Partido Conservador. Será así un cambio áxil, lonxe dos dous meses que necesitaron os 'tories' para culminar a sucesión de Boris Johnson.

"Deberiamos ter un novo líder ao mando antes da declaración fiscal que terá lugar o 31 de outubro", explicou a pasada quinta feira Brady ante os medios, pouco despois de que Truss comparecese para confirmar que non podía culminar o mandato que recibiu hai mes e medio dos seus propios compañeiros.

A segunda feira ás 14.00 horas (unha hora máis na Galiza) fecharase o período para presentar as candidaturas. Se nese momento, se houbese máis dunha candidatura, iniciaríase un proceso que culminaría a sexta, mais se só houbese un aspirante, este sería nomeado novo primeiro ministro esa mesma xornada.

Boris Johnson, de novo candidato

O ex primeiro ministro británico Boris Johnson e a líder do Partido Conservador na Cámara dos Comúns, Penny Mordaunt, recibiron xa o apoio de decenas de deputados conservadores, aínda que continúan lonxe da barreira dos cen esixidos polo Comité 1922.

Até o momento, Johnson -que aínda non fixo oficial a súa candidatura-, recibiu o apoio de 52 deputados segundo recolleu o diario The Telegraph.

Pola súa parte, Mordaunt contaría polo de agora con 22 dos cen apoios necesarios para formalizar a súa candidatura para obter o posto de primeira ministra de Reino Unido.

Comentarios