Rishi Sunak converterase no novo primeiro ministro do Reino Unido

Sunak xa fora un dos principais candidatos a suceder Boris Johnson no 10 de Downing Street.
O dirixente conservador Rishi Sunak. (Foto: Europa Press)
photo_camera O dirixente conservador Rishi Sunak. (Foto: Europa Press)

O dirixente do Partido Conservador e ex ministro de Economía durante o mandato de Boris Johnson, Rishi Sunak, converterase esta terza feira no novo primeiro ministro de Reino Unido.

Desta forma, Sunak será a terceira persoa en ocupar este cargo en menos de dous meses, despois da marcha do propio Johnson e da dimisión a pasada semana de Liz Truss, após levar só 45 días á fronte do Executivo británico.

Sunak xa fora un dos principais candidatos a suceder Boris Johnson no 10 de Downing Street. Naquel momento, o ex titular de Economía recibiu 42% dos apoios, por 58% de Truss. Agora é o escollido polos ‘tories’ para dirixir o Partido Conservador e o Goberno do Reino Unido durante os vindeiros meses.

Precisamente esta segunda feira remataba o prazo dos e das aspirantes a suceder Truss para presentar os cen avais necesarios para poder presentarse a unhas hipotéticas primarias. Neste sentido, Sunak foi o único en alcanzar ese obxectivo.

Outras candidaturas

Ademais do ex ministro, a líder da Cámara dos Comúns, Penny Mordaunt, era a outra gran candidata a converterse na nova primeira ministra do Reino Unido. Despois de non conseguir os avais mínimos, Mordaunt anunciou hoxe mesmo a retirada da súa candidatura.

Nun comunicado difundido nas súas redes sociais, a dirixente conservadora trasladou o seu “total apoio” a Sunak e afirmou que “queda moito traballo por facer”.

Por outra parte, e a pesar de ser acusado por amplos sectores do Partido Conservador de ser o causante da actual crise da formación política, Boris Johnson posicionárase nos últimos días como unha terceira alternativa para recuperar o cargo de primeiro ministro.

Porén, Johnson retirouse esta fin de semana despois de que Sunak e Mordaunt rexeitasen chegar a un acordo de colaboración para presentar unha candidatura única.

Comentarios