Congreso dos Deputados

Rexístrase no congreso o Grupo Parlamentario Múltiple co BNG, Junts, Más País-Equo e Compromís

As formación políticas BNG, Junts per Catalunya, Más País-Equo e Compromís rexistraron no Congreso dos Deputados o Grupo Parlamentario Múltiple
Congreso dos Deputados (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Congreso dos Deputados (cedida)

O Grupo Parlamentario Múltiple (GPM) rexistrouse en cuarta feira, 11 de decembro, no Congreso dos Deputados, e estará conformado polo deputado do Bloque Nacionalista Galego, outro de Compromís, dous de Más País-Equo e oito de Junts per Catalunya.

Segundo as forzas que o integran, o GPM constitúese unicamente con criterios operativos e non ideolóxicos e, por tanto, funcionará de facto como un grupo mixto, onde cada partido é independente e ten visibilidade propia.

As portavocías serán rotatorias, e comezarán a exercelas a deputada independentista Laura Borràs, de Junts, e Íñigo Errejón, de Más País-Equo.

O grupo foi rexistrado na tarde desta cuarta feira, cando tan só quedaba menos dunha hora para que finalizase o prazo.

Trátase da segunda alternativa para reducir o Grupo Mixto resultante das eleccións xerais do pasado 10 de novembro, despois de que UPN (Navarra Suma), Coalición Canaria (CC), o Partido Rexionalista de Cantabria ( PRC) e Teruel Existe formasen o seu propio grupo coa denominación de España Plural.

A última palabra tena a Mesa do Congreso, que a sexta pola mañá reunirase para estudar os escritos apresentados e tomar unha decisión en función do regulamento e dos variados antecedentes que se foron producindo na historia da Cámara.

Comentarios