Rexistran a sede central de Adif por malversación de fondos públicos

A operación xudicial iniciouse por un presunto delito de financiamento irregular na construción do AVE en Barcelona e prevese que remate coa detención de dez persoas entre Madrid e a cidade condal. 

ADIF

A Garda Civil rexistrou esta segunda feira (5 de maio) a sede central de Adif en Madrid. A operación desenvolvida polo instituto armado responde a unha orde xudicial que procura probas por un suposto delito de malversación de fondos relacionado coa construción dunha estación do AVE en Barcelona. A operación, coñecida como Yogui, sáldase con 10 persoas detidas entre Madrid e Catalunya. 

Os feitos que están a ser investigados implican a traballadores e responsábeis de Adif mais tamén á empresa estadounidense Corsan que tería cobrado sobreprezos polas obras da estación barcelonesa de Sagrera. A malversación de fondos públicos estaría amparada por un enxeñeiro que certificou prezos moi superiores aos reais, segundo avanzaba El País esta segunda feira. 

Segundo as mesmas fontes, as persoas implicadas en Adif e Corsan terían actuado en "connivencia" para cadraren orzamentos e prezos falsos a cambio dos cales os responsábeis de Adif terían recibido contraprestacións en forma de agasallos. Segundo o diario madrileño, a cantidade de fondos públicos que terían sido empregados de maneira irregular podería ascender a 6 millóns de euros.

Comentarios