Análise

As 'revolucións de cores' da CIA

O profesor da Universidade de California en Berkeley Ramón Grosfoguel prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
No que vai do século XXI vimos 'revolucións de cores' que terminan en golpes de Estado derrocando Gobernos democraticamente electos en Exipto, Bolivia, Brasil ou Ucraína. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera No que vai do século XXI vimos 'revolucións de cores' que terminan en golpes de Estado derrocando Gobernos democraticamente electos en Exipto, Bolivia, Brasil ou Ucraína. (Ilustración: Álex Rozados)

As 'revolucións de cores' son a modalidade contemporánea da CIA para derrocar gobernos que non son do seu agrado. Non importa se son gobernos democraticamente electos, as 'revolucións de cores' buscan evadir eleccións e derrocar gobernos por métodos ilegais. Esta estratexia foi vital desde a guerra fría. O laboratorio destas estratexias foron os países do bloque soviético en Europa do Leste na década dos oitenta do século pasado. As rebelións contra os gobernos do bloque soviético foron deseñadas desde Washington pola CIA coa participación activa de George Soros e a fundación que leva o seu nome, así como a National Endowment for Democracy e outras organizacións que funcionan como frontes da CIA.  

A modalidade de golpes de Estado para impor ditaduras militares probouse ser moi custosa tanto económica como politicamente. Moito máis efectivo é mobilizar o descontento popular xerado por sancións, bloqueos económicos e hiperinflación (provocada pola desvalorización da moeda nacional) acompañada de fake news para derrocar gobernos usando o parlamento ou o que se coñece como "golpes brandos" para instaurar gobernos monicreques. Os programas do Departamento de Estado estadounidense para adestrar activistas no uso de medios sociais para difundir a falsa propaganda probaron ser vitais. 

No que vai do século XXI vimos 'revolucións de cores' que terminan en golpes de Estado derrocando gobernos democraticamente electos en Exipto (2013), Bolivia (2019), Brasil (2016), Xeorxia (2003), Ucraína (2004 e 2014) ou Kyrgyzstan (2006). Intentos de 'revolucións de cores' fracasadas vímolos en Cuba, Venezuela e, máis recentemente, en Irán.

O caso de Irán é emblemático porque houbo varios intentos fracasados nos últimos 20 anos. A participación dos medios de desinformación masiva na difusión de mentiras é fundamental nesta estratexia imperial para derrocar gobernos. 

O caso recente da morte da nova iraniana Mahsa Amini (quen tivo unha cirurxía cerebral aberta uns anos antes) é un bo exemplo. A pesar do vídeo que demostra que esta moza nunca foi encarcerada, arrestada, agredida, esposada nin custodiada pola policía e que se trata dunha morte repentina produto dun infarto, a prensa imperial e ata algunhas esquerdas confundidas difundiron e seguen difundindo a mentira de que foi asasinada a golpes nun cuartel da policía. O operativo desinformativo foi dirixido nos medios sociais e a prensa imperial desde Washington pola recoñecida axente da CIA de orixe iraniana Masoumeh "Masih" Alinejad-Ghomi.

O interese de Washington e Tel Aviv por derrocar a república democrática islámica de Irán é de todos coñecido. Irán supera de lonxe as monarquías petroleiras do Golfo Pérsico en porcentaxes de participación das mulleres nos mercados laborais, en educación, incluíndo a educación universitaria, na ciencia e tecnoloxía, nos empregos públicos, nas eleccións, na xurisprudencia (lembremos que en Irán hai mulleres Ayatollah) e en número de deputadas parlamentarias. Un país como Arabia Saudita, onde as mulleres non poden nin sequera conducir un automóbil, non é obxecto de denuncia sistemática pola prensa imperial. Obviamente, as monarquías petroleiras son réximes autoritarios subordinados aos intereses dos imperios occidentais, mentres que Irán é o centro do eixo da resistencia rexional contra o imperio estadounidense e o estado sionista/xenocida de Israel. O goberno iraniano nacionalizou os pozos petroleiros sacando as transnacionais petroleiras europeas e americanas do seu territorio. De aí o ataque sistemático e o desexo continuo de derrocar o seu goberno. 

Como loitadores anti-imperialistas temos que prestar moita atención para non repetir os falsos relatos dos imperios occidentais con obxectivos perversos. Non se trata de ser acrítico fronte a Irán ou a calquera outro país anti-imperialista, senón de non repetir as mentiras do imperio que soamente buscan xerar 'revolucións de cores' para derrocar os seus gobernos. Non é inocente nin casual que a prensa imperial se dedique a criticar Irán de maneira distorsionada e falsa mentres garda silencio fronte ás atrocidades de países veciños como Arabia Saudita, Kuwait ou Qatar. Non sexamos inxenuos.

Comentarios