Aumentan as protestas

A 'Revolución dos 'Zánganos' acurrala o Goberno de Ecuador

O presidente do Ecuador, Lenín Moreno, que atribuíu despectivamente aos “abázcaros correístas” as mobilizacións na súa contra viuse na obriga de trasladarse a Guayaquil desde a capital Quito.

[Imaxe: CONAIE] Uns 20 mil indíxenas chegaron nas últimas horas a Quito.
photo_camera [Imaxe: CONAIE] Uns 20 mil indíxenas chegaron nas últimas horas a Quito

“O que sucedeu estes días en Ecuador non é unha manifestación social de descontento fronte a unha decisión de Goberno. Non, os saqueos, o vandalismo e a violencia demostran que aquí hai unha intención política organizada para desestabilizar o Goberno e romper a orde constituída, romper a orde democrática”. Nunha mensaxe televisada, o presidente do Ecuador, Lenín Moreno, anunciou esta segunda-feira ao mediodía (noitiña, na Galiza) que se trasladara a Guayaquil -cidade localizada a 421 km ao suroeste de Quito, a capital do país- alén da propia sede do Goberno “de acordo coas atribucións constitucionais que me competen”.

A chegada duns 20 mil indíxenas ás rúas de Quito forzou o mandatario a tomar esta decisión. Segundo informan diferentes axencias, os enfrontamentos foron a máis durante a noite, convertendo as estreitas rúas do centro histórico nun campo de batalla entre manifestantes e a Policía.

O Executivo de Moreno viuse acurralado nas últimas datas. A pasada terza-feira, 1 de outubro, adiantou unha serie de medidas destinadas a recortar o gasto público, entre estas, a retirada de subsidios para a compra de combustíbel e a redución dos ingresos para o funcionariado. A iniciativa gobernamental responde ás esixencias do FMI (redución do gasto público, incremento de ingresos e reforma laboral) logo de abrir unha liña unha liña de axudas económicas ao Ecuador por un importe de 10.200 millóns de dólares.

Após as medidas anunciadas o 1 de outubro, os primeiros sectores en protestar foron o do transporte e o estudantado. A réplica por parte do Goberno chegou coa aprobación na quinta-feira, 3 de outubro, do Estado de Excepción cunha vixencia de 60 días. Estes días continúan as mobilizacións co horizonte nunha folga nacional para a cuarta-feira, 9 de outubro.

Ruptura Correa-Moreno

Lenín Moreno chegou ao poder como o sucesor do ex presidente Rafael Correa no Goberno e á fronte de Alianza País, o movemento político de esquerda detrás do proceso Revolución Cidadá (tal e como se autodenominou o período 2007-2017 en que Correa gobernou o país). Porén, axiña se evidenciou a ruptura entre Correa e Moreno. Este último emprendeu un camiño cara ao “socialismo moderno” que, porén, os seus críticos cualifican de “pseudoesquerda”.

Moreno, de feito, atribuíu despectivamente as recentes protestas aos “abázcaros correístas”, en referencia a Correa, unha designación que levou a unha unidade sen precedentes en Ecuador baixo a etiqueta de Revolución de los Zánganos (#RevolucionDeLosZanganos).

Nestes dous últimos anos, o Goberno de Moreno negociou o acordo co FMI, alén doutras polémicas medidas dentro do espectro da esquerda como a volta dos militares estadounidenses ao Ecuador (con permiso para utilizar o aeroporto das illas Galápagos) ou a entrega do fundador de WikiLeaks, Julian Assange, ás autoridades británicas.

Comentarios