Resposta de Podemos á proposta de pacto á portuguesa: o PSOE quere "acaparar 100% do poder"

Podemos mantén a súa aposta no goberno de coalición como única vía de evitar unha nova convocatoria electoral. Sánchez presiona Iglesias cunha proposta de acordo programático previamente pactada con colectivos sociais, mais o secretario xeral da formación morada non baixa o listón: ou goberno de coalición ou nada.
Pablo Echenique, nun acto de Podemos
photo_camera Pablo Echenique, nun acto de Podemos

Nun chío en twitter, o secretario de Acción e Goberno de Podemos e negociador morado durante a falida investidura, Pablo Echenique, deixou patente a negativa da formación a investir Sánchez sen acordar un goberno de coalición.

"Para entender mellor os titulares: Goberno á portuguesa significa Goberno no que acaparo 100% do poder, sen negociar, porque si, aínda que estea lonxe da maioría absoluta e coa vantaxe de ter as mans libres para pactar coa dereita cando me dea a gana", escribiu Echenique.

A referencia a un eventual pacto do PSOE coa dereita remite aos recentes acordos do PS de António Costa coas bancadas conservadoras por volta de mudanzas no Código de Trabalho.

O que está claro é que as estratexias das dúas formacións da esquerda estatal distan de converxeren. A situación enguedellouse un chisco máis após Podemos e IU teren apresentado esta cuarta feira unha denuncia contra a coñecida como Operación Chamartín que salpicaría dous altos cargos socialistas, os ministros de Asuntos Exteriores e Fomento en funcións, Josep Borrell e José Luis Ábalos, respectivamente. Este último mostrou a súa indignación nunha entrevista na SER. O dirixente do PSOE alega que a Operación Chamartín foi apoiada no seu día por Podemos cando esta formación partillaba goberno na capital do Estado con Manuela Carmena.

Comentarios