Resposta desunida da UE ao coronavirus

O Consello Europeo ratificou onte o feche das fronteiras da Unión Europea durante 30 días. É a primeira medida que os Estados membros toman de forma conxunta, despois de varias semanas actuando de forma individual e independente fronte á ameaza sanitaria que vive o mundo e, concreta e especialmente, o noso continente.

fronteira
photo_camera Control policial na República Checa, na fronteira con Alemaña, o pasado sábado (Ondøej Hájek / CTK)

O Consello Europeo, integrado polos 27 xefes de Estado e de Goberno da UE, tiña previsto aprobar onte á última hora da tarde o feche de fronteiras comunitarias durante 30 días. A medida chega despois de que, un día antes, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, pedise medidas neste sentido. "Canto menos se viaxe, máis se poderá conter o virus", afirmara. O presidente de Francia, Emmanuel Macron, adiantara horas antes nunha mensaxe televisada accións políticas neste sentido: "Concretamente, todas as viaxes entre países non europeos (de fóra da UE) e países da UE serán suspendidos.

A cidadanía extracomunitaria terá prohibida a entrada durante polo menos 30 días e as persoas que de maneira excepcional poidan cruzar a fronteira serán sometidas a estritos controis. Entre estas últimas estarían os residentes de longa duración, familiares de nacionais da UE e membros da diplomacia, así como tamén traballadores de fronteiras, da sanidade e transportistas. 

O Reino Unido e outros países que pertencen ao espazo sen fronteiras Schengen como Islandia, Suíza, Islandia e Liechtenstein, debido aos seus vínculos especiais coa UE non están incluídos nas restricións, mais convidóuselles a seguir as mesmas medidas.

Fronteiras internas

Paralelamente, en contra das recomendacións da Comisión Europea, son varios os Estados que están a estabelecer fronteiras dentro da propia UE. É dicir, abolindo na práctica o Acordo de Schengen de libre circulación de persoas que entrou en vigor en 1995 para os 26 Estados membros asinantes.

"Algúns controis poden estar xustificados, mais a prohibición xeral de viaxe non se considera unha medida efectiva por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS)", explicaba na pasada sexta feira Von der Leyen. "Teñen un forte impacto social e económico", alén de "afectar as vidas" da cidadanía das zonas fronteirizas, sinalaba. 

Porén, poucas horas despois desas  declaracións, Dinamarca, Polonia e República Checa pechaban as súas fronteiras, que canda Chipre, Letonia, Lituania, Eslovaquia e Hungría elevan polo momento a oito o número de Estados que prohiben a entrada de calquera persoa non nacional.

Controis limitados

Entre outros países que tomaron medidas de control de fronteiras máis reducidas está Alemaña, que desde ás 8 horas da segunda feira ten fechadas as súas fronteiras con Francia, Austria, Suíza, Luxemburgo e Dinamarca. Con todo, os transportes de mercancías e as traballadoras e traballadores transfronteirizos poden seguir cruzando. Austria estabeleceu restricións na súa fronteira terrestre con Italia desde o 11 ao 21 de marzo.

E na Península Ibérica, os Gobernos español e portugués acordaron no domingo a limitación dos movementos con fins turísticos ou de lecer, sen chegar a fechar as fronteiras, aínda que na práctica supoña o confinamento de ambos os dous Estados salvo para intercambios comerciais. Tamén, desde as 00 horas de onte, as fronteiras terrestres españolas están fechadas con Francia (a medida non afecta nin a Xibraltar nin a Andorra), que tamén desde onte adoptou a mesma medida.

Bruxelas ve nos controis nas fronteiras terrestres e nos portos e aeroportos unha ameaza á liberdade de movemento dentro da UE, así como a constatación da falla de cooperación entre Estados, que ademais toman medidas contrarias ás recomendadas polo Executivo europeo. Considera que o espazo Schengen e o propio espírito da UE están en perigo.

Non obstante, Bruxelas resignouse a aceptar a actual situación e limitouse a pedir que non se formen colas que freen a libre circulación de mercancías nas zonas de control e que produzan aglomeracións susceptíbeis de facilitar a expansión do coronavirus.

Estados de emerxencia 

Dentro desta descoordinación e falla de cooperación entre Estados membros, están as medidas que cada Goberno tomou de forma independente. Así, segundo os últimos datos, decretaron o estado de emerxencia na última semana: Bulgaria, República Checa, Dinamarca, Eslovaquia, España, Estonia, Hungría, Letonia, Portugal e Romanía. Con anterioridade fixérono Italia (31 de xaneiro) e Lituania (26 de febreiro), e hoxe mesmo, Finlandia. 

Fóra da UE, mais dentro do Espazo Schengen, tamén Suíza decretou na segunda feira o estado de emerxencia. Ademais, en corentena ou nalgún tipo de confinamento interno están: Austria, República Checa, Dinamarca (parcial), España, Francia e Italia. O Reino Unido continúa a ser o único Estado da nosa contorna que non tomou ningún tipo de medida coercitiva especial.

Comentarios