A República Popular de Donetsk pide a súa integración na Federación rusa

O goberno provisorio da autoproclamada República Popular de Donetsk informou de que o 90% das e dos eleitores votaron a prol da independencia. Donetsk quere agora seguir os pasos de Crimea e se integrar como República na Federación rusa.

Donetks
photo_camera Donetks

A partición de Ucraína en dúas metades -a occidental, como satélite de Washington-Berlín, e a oriental, de volta na área de influencia de Moscova- preséntase como o escenario máis verosímil após as populacións de Donetsk e Lugansk votaren masivamente a prol da súa constitución como novos Estados.

A República Popular de Donetsk xa se dirixiu esta mesma segunda feira a Moscova para sondexar a  súa disponibilidade a aceitar a integración do novo Estado na Federación rusa, na esteira do proceso verificado en Crimea.

96,2% a prol da independencia en Lugansk

Moscova limitouse a sinalar que respeita o resultado do referendo -tido por ilegal polas potencias occidentais, a UE e os EUA- e a pedir que se abra un proceso de diálogo entre Kiev, Donetsk e Lugansk, o outro territorio en que se produciu un referendo de autodeterminación este domingo, cun resultado, o 96.2% a prol da independencia, aínda máis abrumador a prol do aparecimento dun novo Estado.

De acordo cunha declaración do copresidente do goberno provisorio de Donetks, Denis Pushilin, -recollida por Russia Today, medio estatal ruso- após o referendo deste 11 de Maio a República Popular de Donetsk se constitúe como un "Estado soberano". A soberanía exerceríana non para seren un Estado independente, senón para "de modo a honrar a historia do país, e dada a vontade do pobo" chamar a Rusia para negociar a integración na Federación que lidera Moscova.

Comentarios