As réplicas do 'sismo' China-EUA ameazan crebar as Illas Salomón

O Goberno provincial de Malaita, a maior e máis poboada das illas de Salomón, organizará un referendo de independencia en datas vindeiras co conflito Beijing-Taipei-Washington como pano de fondo.
solomon_china_xinhua
photo_camera Xi, presidente da China, recibiu o 9 de outubro o primeiro ministro das illas Salomón, Sogavare (Yao Dawe / Xinhua)

Malaita, a maior e máis poboada das illas de Salomón, organizará un referendo de independencia en datas vindeiras. Anunciouno esta semana o seu presidente provincial, Daniel Suidani; unha medida que chega no marco das tensións entre a China e os Estados Unidos, ás que se suma a actual pandemia.

"É hora de que o pobo de Malaita decida se quere continuar facendo parte dun país cuxo liderado se está a tornar ditatorial," afirmou Suidani nun comunicado recollido por Reuters. "A autodeterminación está na cerna dos dereitos humanos. Ningún poder pode impedir indefinidamente a un grupo de persoas facer realidade as súas aspiracións, independentemente do difícil que poida resultar e do tempo que poida levar", apuntou.

As arelas secesionistas de Malaita veñen de vello. Porén, incrementáronse no último ano logo do Goberno central decidir mudar a súa alianza de Taiwán a Beijing. Taiwán, oficialmente "República da China", mantén ligazóns oficiais con 14 dos 193 Estados membros da ONU. Beijing exixe ser recoñecido como o único Goberno lexítimo para estabelecer relacións diplomáticas.

No caso das Illas Salomón, isto aconteceu o 21 de setembro de 2019, despois da sinatura conxunta en Beijing por parte do conselleiro de Estado e ministro de Exteriores chinés, Wang Yi, e o de Exteriores e Comercio Exterior das Illas Salomón, Jeremiah Manele, tal e como informou na altura a axencia Xinhua.

As Illas Salomón, situadas no nordeste de Australia, son un lugar estratéxico no Pacífico. Os EUA e a China manteñen na rexión un tirapuxa diplomático para gañaren aliados. Malaita, a pesar da decisión do Goberno central das Salomón, en Honiara, continúa fiel a Washington.  

Segundo apuntan os analistas internacionais, é improbábel que Honiara acepte o resultado dun referendo de independencia na provincia rebelde. Mais a consulta ─argumentou Suidani no comunicado─ vén motivada polas "continuas presións" desde o Goberno central para aceptar a nova relación con Beijing e non co Goberno ─apoiado por Washington─ de Taiwán.

Neste último ano, Malaita mantivo negociacións cos EUA para a construción dun porto de augas profundas, mentres que a China presentou varios plans de desenvolvemento para a principal illa das Salomón, Guadalcanal, onde está localizada a capital estatal, Honiara.

Avión desde a China

A tensión aumentou aínda máis nas últimas horas despois de a China fretar un voo ás Illas Salomón. O avión aterrou na cuarta feira, segundo informou ABC News, a televisión pública australiana. A bordo viaxaban cidadáns das illas varados no xigante asiático por culpa da pandemia, o novo embaixador Li Ming e varios funcionarios chineses. Tamén traballadores da China, enviados para construír as instalacións deportivas que albergarán os Xogos do Pacífico de 2023, un grande evento na rexión.

Organizacións da sociedade civil, así como o Goberno provincial de Malaita ─recriminado hai uns meses por Honiara tras aceptar axuda económica de Taiwán para previr a Covid-19─ mostraron o temor a que o coronavirus chegase no avión. As Illas Salomón é un dos únicos países do mundo libres do SARS-CoV-2, mais o seu primeiro ministro, Manasseh Sogavare, asegurou que se tomaran todas as medidas de seguridade.

Porén, en Auki, a capital de Malaita, os propietarios de estabelecementos de orixe chinesa recibiron ameazas para fecharen os negocios e marcharen da illa. 

Comentarios