Jéssica Albiach: "Repetir un referendo que non sexa pactado non ten sentido"

A xornalista e deputada Jéssica  Albiach (1979) é a candidata de En Comú Podem ás eleccións do 14-F en Catalunya. Nunha entrevista da Agència Catalana de Notícies aberta á participación dos medios, Albiach considera sobre o referendo que non é momento de xerar expectativas na xente que agora non se poderán cumprir.
A xornalista Jéssica Albiach é a número un de En Comú Podem nas eleccións catalás.
photo_camera A xornalista Jéssica Albiach é a número un de En Comú Podem nas eleccións catalás (Foto: ECP)

Apela a un acordo con ERC e PSC. Mais entre eles non queren pactar. Ve viábel que o Goberno estatal acelere os indultos e que isto axude á distensión?

A aceleración dos indultos é necesaria, independentemente da configuración do Govern da Generalitat. Non podemos supeditar un tema ao outro. A liberdade dos dirixentes independentistas é un tema urxente. Presentamos unha reforma do Código Penal e puxémola encima da mesa do ministro de Xustiza. 

Non queremos avanzar a fórmula do Govern, que dependerá da vontade popular, pero para nós só hai unha alternativa ao desgoberno de Junts e Esquerra Republicana: un Govern de esquerdas.

Se o PSC e ERC se exclúen, cal deles sería a súa preferencia?

Por que ter un Govern en minoría se o podes ter forte? Non avanzarei con que forza de esquerdas acabaremos pactando. Si me gustaría que fosen capaces de pactar as tres forzas.

Porían o referendo enriba da mesa para alcanzar un pacto?

Nós defendemos o referendo. Pero mentres non chega a correlación de forzas suficiente para facer o referendo, non queremos quedar cos brazos cruzados. O PSOE, de momento, négase ao referendo e nós queremos reaccionar ante o conflito. O conflito tense que ir resolvendo.

Por tanto: liberdade para os presos, avanzar en autogoberno, reforma do sistema de financiamento, disposición adicional da constitución e referendo. Estas son as nosas propostas. A orde depende da correlación de forzas de cada momento.

Non cre que o feito de supeditar o referendo á correlación de forzas, e non o ter como prioridade número un, pode torpedear as negociacións con Esquerra?

Quizais non me expliquei ben. Nós temos o referendo no programa e defendémolo. Pero vemos que agora non é momento de xerar unhas expectativas á xente que sabemos que neste momento non se poderán cumprir. A sociedade catalá xa sufriu bastante porque se crearon falsas esperanzas de cousas que sabemos que non pasarán agora mesmo. É un sentimento compartido. 

A CUP propuña facer un referendo ao final da lexislatura. De Junts non sabemos exactamente que queren. Para algúns, parece que o referendo xa se fixo. Si que inclúen un referendo pactado no programa, pero despois falan de activar a declaración unilateral de independencia, e despois, de levantala. ERC non pon prazos nin o presenta como unha prioridade. Na súa campaña, “Vía ampla”, consideran que teñen que ser máis para saír adiante. Sorprenderíame moito que para ERC fose un problema facer un goberno connosco, tendo en conta que hai un consenso bastante amplo no ámbito político e social de que neste momento non hai bastante forza para ter o referendo pactado.

Nós temos clarísimo que repetir un referendo que non sexa pactado, e sen recoñecemento internacional, non ten sentido.

Comentarios