Portugal investiga o incendio do petroleiro 'Greta K' e descarta, polo de agora, a vertedura de combustíbel

Comeza a prestar declaración a tripulación do barco, que fica en alta mar á espera de ser remolcado a porto.
O petroleiro incendiado fronte ás costas do Porto. (Foto: Marinha Portuguesa)
photo_camera O petroleiro incendiado fronte ás costas do Porto. (Foto: Marinha Portuguesa)

As autoridades do porto de Leixões están á espera da decisión da entidade portuguesa que certifica o estado dos barcos para saber se o buque petroleiro Greta K, incendiado fronte á costa do Porto esta terza feira, pode ser remolcado, sempre e cando non exista risco de verteduras. "Concluíu a primeira inspección técnica realizada pola fragata da corte real da Armada portuguesa a bordo do buque", relatou ante a prensa o capitán Silva Rocha.

Durante a inspección visitáronse os distintos compartimentos do barco e detectáronse temperaturas que requiren de "máis análises". "Non hai lume activo neste momento, pero pode haber un foco latente que estea a provocar valores que se están barallando para entender o impacto en canto á decisión que se vai a tomar", engadiu.

O Greta K atópase a uns 20 quilómetros da costa, fronte ao porto de Leixões, sendo asistido por dous remolcadores de porto, un bote salvavidas e un buque da Policía Marítima. "Temos que tomar unha decisión rapidamente. Certificar e garantir que o buque non causará problemas de seguridade no porto de Leixões, e iso é o que avalía o Control do Estado do Porto", engadiu.

Se o remolque até o porto de Leixões non se materializan "o barco terá que aguantar no mar até que acougue [o empeoramento do mar previsto] e podamos tomar unha decisión", sinalou o capitán, preguntado sobre as condicións meteorolóxicas no lugar.

A respecto da existencia de verteduras, Silva Rocha garantiu que até o momento non se produciron e non se espera que poida suceder. Sobre a orixe do incendio, o comandante apuntou que aínda non sabe "que pasou". Os 16 tripulantes da embarcación xa comezaron a prestar declaración no marco da investigación administrativa e técnica para determinar que foi o que motivou o incidente. Estas pescudas, polo de agora, están fóra do marco xudicial.

Silva Rocha tamén precisou que tanto o capitán do barco como dous oficiais fican a bordo da fragata portuguesa. Segundo a Armada, a alerta deuse arredor das 15.30 horas da terza feira ao Centro de Coordinación de Procura e Salvamento Marítimo (MRCC) de Lisboa.

A embarcación, con bandeira de Malta, navegaba a unha milla e media da costa, uns tres quilómetros, xunto á Praia dos Ingleses, en Foz do Douro (distrito do Porto), con 19 persoas a bordo, todas de nacionalidade filipina".

Comentarios