A remodelación do Goberno español de Sánchez fulmina sete ministras e ministros

O presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, anuncia unha profunda reestruturación da súa equipa. Tanto é así que a vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, é un dos descartes. Porén, as galegas Nadia Calviño e Yolanda Díaz ascenden ao facerse cargo das vicepresidencias primeira e segunda, respectivamente. Ademais, Unidas Podemos non perderá cota.
Carmen Calvo, xunto a Pedro Sánchez e Nadia Calviño, nunha sesión do Congreso. (Foto: E. Parra / Europa Press)
photo_camera Carmen Calvo, xunto a Pedro Sánchez e Nadia Calviño, nunha sesión do Congreso. (Foto: E. Parra / Europa Press)
O presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, vén de comparecer ante os medios para anunciar unha ampla remodelación no seu equipo que implica a saída de até sete ministros, entre eles a vicepresidenta primeira e até agora persoa de confianza, Carmen Calvo.

Xunto a ela marchan José Luis Ábalos (Fomento), Pedro Duque (Ciencia e Innovación), Juan Carlos Campo (Xustiza), Isabel Celaá (Educación), Arancha González Laya (Exteriores) e José Manuel Rodríguez Uribes (Cultura e Deporte).

A partir de agora, o Goberno español pasará a catro a tres vicepresidencias con Nadia Calviño na primeira, Yolanda Díaz na segunda e Teresa Ribera na terceira.

Caras novas

Estas modificacións implican tamén o acceso ao Executivo de Félix Bolaños, un home da máxima confianza de Sánchez, que quedará á fronte do ministerio da Presidencia. Pola súa banda, a presidenta do Senado, Pilar Llop, asumirá as responsabilidades en materia de Xustiza.

Aliás, a delegada do Goberno estatal en Aragón, Pilar Alegría, toma o relevo en Educación, que terá que traballar coa chamada Lei Celáa, e o que era embaixador de España en Francia, José Manuel Albares, regresa para facerse cargo da área de Exteriores.

Fontes do Executivo tamén confirmaron a RTVE e EFE que Miquel Iceta deixará Política Territorial e Administración Pública para Isabel Rodríguez, que sae da Alcaldía de Puertollano e tamén será a voceira en lugar de María Jesús Montero, que ademais de Facenda sumará as responsabilidades sobre Función Pública. En consecuencia, Iceta -que se incorporou coa saída de Salvador Illa para concorrer como candidato do PSC ás eleccións catalás- será trasladado ao ministerio de Cultura e Deportes que deixa Rodríguez Uribes.

A rexedora de Gandía, Diana Morant, colle a quenda de Duque a fronte de Ciencia e a súa homóloga en Gavá, Raquel Sánchez, terá as competencias sobre Transportes. Por exemplo, neste último caso o cambio terá especial incidencia na Galiza, pois están pendentes varios acordos sobre a autoestrada AP-9.

Neste clima de profunda mudanza -a terceira desde que se conformou a coalición-, que comunicou con anterioridade ao rei Felipe VI, Sánchez tamén prescinde do até agora xefe de gabinete de Presidencia, Iván Redondo, cuxo posto estará ocupado polo que era conselleiro delegado de Paradores, Óscar López.

Unidas Podemos mantén o tipo

Desde A Moncloa vinculan os cambios ao interese por impulsar a saída da crise da Covid-19, por acadar a melloría económica e social do país. En este sentido, Sánchez asegurou na súa comparecencia sen rolda de preguntas que nesta nova etapa contará cun equipo que vai "dar un gran impulso a unha recuperación xusta" que ten que chegar a todas e todos, ao que axudará a "xuventude e cercanía" das incorporacións.

As novas ministras e ministros -o presidente destacou o incremento de mulleres á fronte de ministerios sendo referencia "na paridade"- tomarán posesión na segunda feira. O reto é "consolidar a recuperación económica e social" aproveitando, entre outras cuestións, os fondos europeos; restabelecer a bolsa de emprego e apostar na modernización.

Segundo adiantou RTVE, Sánchez levaría varios días inmerso en negociacións coa ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para que non houbera cambios nas cotas da coalición. É dicir, a galega demandou que Unidas Podemos seguira mantendo o mesmo número de carteiras ministeriais e, de feito, confírmase que as caras serán as mesmas que até agora.

As reaccións dos partidos políticos da oposición non se fixeron esperar. O PP apuntou a Sánchez como o verdadeiro problema, Ciudadanos pensa que haberá cambio de facianas pero non de políticas e Vox sostén que "non importa o relevo dos secuaces, pois mantén os mesmos cómplices".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios