28-M

Denuncias pola compra de votos marcan o debate no Estado español

O domingo desenvolveranse comicios municipais e lexislativos en 12 territorios.
Pedro Sánchez, a sexta feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, a sexta feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Máis de 8.000 Alcaldías e o lexislativo de 12 comunidades autónomas, ademais de Ceuta e Melilla, serán elixidos o domingo no Estado español, onde rematou esta sexta feira unha campaña electoral que se viu marcada na última semana polas denuncias e operacións policiais por presuntos delitos electorais de compra de votos por correo.

A cambio de postos de traballo, diñeiro e até drogas, unha trintena de persoas foron detidas -e posteriormente liberadas con medidas provisorias- por ofrecer comprar votos en Melilla, Mojácar (Andalucía) e Albudeite (Murcia), vinculadas ao PSOE, ao Partido Popular (PP) e a Coalición por Melilla, a principal forza da coalición de Goberno na cidade autónoma que comparte co PSOE e un ex deputado de Ciudadanos.

Así e todo, as denuncias por este delito estendéronse por case 20 concellos, co PP como acusado na meirande parte delas, cun dos casos afectando Zamora Sí, investigado por unha presunta fraude electoral que tería acontecido nunha residencia de maiores.

No caso de Melilla, co arresto dun conselleiro do Executivo de Coalición por Melilla, finalmente foron dados por válidos case 6.000 votos por correo, a metade das solicitudes efectuadas para exercer o sufraxio por esta vía nun primeiro momento, e que superaran 20% das electoras e electores rexistrados. Nesta situación, o Ministerio do Interior español reiterou que hai garantías democráticas para o proceso electoral após introducir novas exixencias como a presentación do documento de identidade á hora de entregar o voto a Correos.

Desde Catalunya, o presidente estatal e líder do PSOE, Pedro Sánchez, acusou o PP de tratar de afastar a poboación das urnas, “e por iso enlaman a política, insultan, descualifican posto que coñecen moi ben o poder do voto”. Tamén destacou as políticas de "convivencia" e "concordia" postas en marcha polo Gabinete en Catalunya. 

Pola súa parte, o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, insistiu na “corrupción electoral” que atribúe ao PSOE, que considerou está “nunha explosión perfecta, é lamentábel que o partido de Goberno ofreza este exemplo aos españois”, aseverou.

Denuncia contra Vox

Con respecto á extrema dereita de Vox, un dos dous edís cos que contou neste mandato en València, Vicente Montañez, denunciou a formación por “financiamento ilegal de partidos políticos, falsidade documental, prevaricación, malversación, coaccións” e por ser unha “organización criminal”.

Comentarios