Proceso ao procés

O relato da fiscalía apunta os Mossos d'Esquadra e fala de "rebelión" e "métodos violentos"

Na abertura da vista oral, as defensas consideraron esta terza feira que o xuízo ao independentismo catalán non se debería nin ter realizado: non hai causa nin probas e, alén do máis, téñense vulnerado os dereitos fundamentais das 12 persoas acusadas. Na sesión desta cuarta feira, os fiscais —o seu xefe no estado español é designado a dedo polo poder executivo— tentaron desacreditar os argumentos dos avogados. E foron alén diso, perfilaron o relato dos seus cargos contra Junqueras e compañía: si houbo rebelión porque si houbo "métodos violentos".

Captura de pantalla (14)
photo_camera Javier Zaragoza

Tribunais europeos rexeitaron as euro-ordes ditadas polo xuíz Pablo Llarena contra Puigdemont por considerar que na acción do president da Generalitat non había rebelión ao non haber violencia. Quen si a ve é o Ministerio Público español e así ficou claro na sesión desta mañá no xuízo contra as e os dirixentes soberanistas catalás. "Os independentistas trazaron un plano criminal de grande alcance e complexidade", dixo na súa intervención na vista oral o fiscal de sala Javier Zaragoza. Non ficou aí: segundo a súa interpretación —carente polo de agora de material probatorio— as forzas independentistas catalás "quixeron facer claudicar o estado" e para iso non dubidaron en empregar "métodos violentos".

Onde está a violencia? Non foi demostrado. En realidade, a violencia que se puido constatar é a empregada pola policía contra as persoas que quixeron depositar o seu voto nas urnas o 1 de outubro. O fiscal responsabilizou directamente desa violencia —ou sexa das cargas policiais a electores ás e aos dirixentes independentistas. "Non está xustificado axitar miles de cidadáns que protexeron as urnas abocándoos a enfrontamentos violentos", dixo Zaragoza. 

Unha peza clave na suposta rebelión serían, de acordo co alegato do tamén fiscal Fidel Cadena, os Mossos d'Esquadra que se terían posto "completamente ao lado da rebelión".

Cadena falou tamén da lexislación promovida polo Parlament de Catalunya —as leis de transitoriedade cara á criación dun estado catalán— que tildou de "cóctel explosivo de unilateralidade".

Comentarios