A relación de Felipe González cos GAL chega ás institucións españolas e europeas

A guerra sucia na década dos 80 afecta os aparatos do Estado.
Felipe González
photo_camera Felipe González

A desclasificación por parte da CIA dunha documentación que vincula o ex presidente español Felipe González cos GAL volve traer á actualidade un dos capítulos da guerra sucia do Estado español contra o pobo vasco. Malia que os GAL non son un feito illado e deben conectarse con experiencias anteriores como o Anti Terrorismo ETA (ATE), Alianza Apostólica Anticomunista (Triple A) ou o Batallón Vasco Español, a súa significación pública é diferente polo maior número de vítimas mortais e tamén pola súa conexión coa práctica totalidade das instancias de poder.

O grupo parlamentario de EH Bildu vén de solicitar a comparecencia do propio Felipe González no Congreso dos Deputados após coñecerse a información recollida nos documentos da axencia de intelixencia estadounidense. Ao tempo solicitan a comparecencia do actual ministro de Interior, Fernando Grande Marlaska, para que informe "sobre os feitos relativos ao terrorismo do Estado durante os Gobernos de González". Un dos socios de referencia do Executivo, o Partido Nacionalista Vasco (PNV), sumouse á reclamación da outra formación política vasca.

O debate sobre a vinculación de Felipe González cos GAL chegou onte ao Congreso da man da deputada de Bildu, Isabel Pozueta. A abertzale, aproveitou a sesión de control ao Goberno para preguntarlle á vicepresidenta Carmen Calvo arredor da relación do antigo presidente socialista coa guerra sucia, mais a membro do Executivo eludiu calquera tipo de posición. O silencio de Calvo contrastou coa defensa fechada de González realizada pola portavoz do grupo socialista, 

Adriana Lastra, quen o definiu "como presidente que modernizou España e que fixo que entrase na Unión Europea",  após afirmar que "non somos nós precisamente de revisar cousas que xa están xulgadas e sentenciadas".

No Parlamento europeo

A relación de Felipe González Márquez tamén é obxecto de atención no Parlamento europeo. Así, os deputados e deputadas das formacións nacionalistas do Estado español veñen de remitir unha carta aos seus homólogos partidos europeos onde dan a coñecer a relación do ex presidente socialista coa guerra sucia e os documentos que o implican na mesma, sinalando que a información sobre Felipe González "é un problema que afecta á credibilidade da Unión Europea no seu conxunto".

Ao mesmo tempo engaden que os GAL, "organizados polos poderes fácticos do Estado español", provocaron 27 mortes e crearon gran dor entre a cidadanía vasca.

Comentarios