Reino Unido despregará 8.000 militares no leste de Europa para "combater a agresión rusa"

Por outra parte, o Goberno dos EUA aproba o maior paquete de axuda militar desde a década de 1970 con Vietnam do Sur.
O primeiro ministro británico, Boris Johnson, nun encontro da OTAN en Estonia decorrido o pasado marzo. (Foto: Leon Neal  / PA Wire)
photo_camera O primeiro ministro británico, Boris Johnson, nun encontro da OTAN en Estonia decorrido o pasado marzo. (Foto: Leon Neal / PA Wire)

Arredor de 8.000 militares do Exército do Reino Unido despregaranse nas próximas semanas en diferentes puntos do leste de Europa, "desde Finlandia até Macedonia do Norte", segundo vén de informar a axencia británica PA Media.

O obxectivo desta despregadura de tropas no verán, que será un dos maiores simulacros desde a fin da Guerra Fría, é "combater a agresión rusa" de forma conxunta coa OTAN, que tamén realizará accións militares a través da Forza Expedicionaria Conxunta (FEC), formada por Dinamarca, Noruega, Estonia, Islandia, Letonia, Lituania, Países Baixos, Suecia e Finlandia. Estes dous últimos países, se ben non forman parte da Alianza, son "socios próximos" e están a estudar o seu posíbel ingreso.

"A seguridade de Europa nunca fora tan importante. Nestes exercicios, as nosas tropas unirán as súas forzas ás dos aliados e socios da OTAN e ás da FEC nunha mostra de solidariedade e forza", subliñou o secretario de Defensa do Reino Unido, Ben Wallace.

Biden aproba o maior envío militar desde Vietnam

O presidente dos EUA, Joe Biden, vén de recorrer no Congreso estadounidense a unha lei [Lend-Lease], que significa que data de 1941, en tempos de Franklin D. Roosevelt canda a Segunda Guerra Mundial, para aprobar un novo paquete de axudas destinado a Ucraína, por valor de 33.000 millóns de dólares —máis de 31.300 millóns de euros—.

Desa contía, arredor de 60% —uns 19.000 millóns de dólares— correspóndese con axuda militar, polo que Ucraína se converterá no país que máis armamento recibiu dos EUA desde Vietnam do Sur na década de 1970.

"Aprobamos esta medida para seguir axudándoos, asegurándonos de que teñen as armas que precisan, a artillaría que precisan, o equipo que precisan... É urxente avanzar neste financiamento", dixo a portavoz da Casa Branca, Jen Psaki.

Aliás, Psaki instou outros países a seguiren brindando axuda a Ucraína: "Esperamos que sigan dando un paso adiante tamén, xa que isto vai ser un esforzo sostido, unha guerra máis longa, como falamos antes. Imos precisar que outros países sigan prestando unha serie de axudas".

Comentarios