O primeiro ministro británico, Keir Starmer (Partido Laborista), trasladou a segunda feira que aprobou a creación dun “Exército permanente” de axentes policiais especializados que estará listo “para ser despregado para apoiar as comunidades”, facendo fincapé en que se “intensificará” a aplicación da Xustiza contra as persoas responsábeis dos disturbios de extrema dereita que comezaron a pasada semana no medio da desinformación sobre o asasinato de tres crianzas.
Máis de 150 persoas foron arrestadas a fin de semana en varias localidades despois de protagonizar un intento de incendiar un hotel no que se aloxaban persoas solicitantes de asilo ou atacar mesquitas. Starmer, que lidera o Executivo desde o 5 de xullo, reiterou que “isto non é unha protesta, é pura violencia”.
O Alto Comisionado da Organización das Nacións Unidas para os Refuxiados, que transmitiu a súa consternación pola violencia, reclamou abordar a “difusión de desinformación e información falsa, alimentada polo odio e os prexuízos”, e que ten “consecuencias na vida real”.