Reino Unido, 28 días para pedir a residencia

O 30 de xuño remata o prazo para que as persoas da UE con máis de cinco anos de residencia no Estado, ou menos de cinco pero con entrada anterior ao final de 2020, soliciten o permiso de residencia. As 400.000 persoas que aínda non fixeron o trámite recibirán unha misiva na que se lles dá 28 días para facelo.
A ministra de Interior británica nunha imaxe de xaneiro. (Foto: Matt Dunham / PA Wire / dpa)
photo_camera A ministra de Interior británica nunha imaxe de xaneiro. (Foto: Matt Dunham / PA Wire / dpa)

As persoas procedentes da Unión Europea que vivan nalgún dos territorios do Reino Unido e aínda non solicitaran o permiso de residencia recibirán unha misiva das autoridades británicas nos vindeiros días onde se lles indicará que contan con 28 días para pedila.

Segundo a información ofrecida polo Goberno do Reino Unido, o 30 de xuño remata o prazo para que as persoas da UE con máis de cinco anos de residencia no Estado, ou menos de cinco pero con entrada anterior ao final de 2020, realicen o trámite dixital co Ministerio do Interior para continuar residindo legalmente despois da execución do Brexit.

Amais, o Goberno sinalou que no caso de que haxa motivos razoábeis para o atraso permitirá a presentación fóra do prazo. Até 5,6 millóns de cidadás e cidadáns da UE fixeron o trámite para formalizar a súa residencia, restando 400.000 casos pendentes, como confirmaron as autoridades británicas.

Pasado o 30 de xuño, as persoas que levaran a cabo o trámite non perderán os seus dereitos aínda que non rematara a tramitación nesta data, sinalou Kevin Foster, secretario de Estado británico de Interior, que engadiu que persoal de Inmigración comezará a emitir notificacións que dan 28 días para solicitar a residencia.

Reino Unido pide a UE que cumpra

Nos acordos entre o Reino Unido e Bruxelas saliéntase que tanto a cidadanía da UE en Gran Bretaña como as persoas dos territorios británicos na UE manterán os dereitos de residencia, emprego, acceso a sanidade pública e outros beneficios sociais.

Mais a ministra británica de Interior, Priti Patel, denunciou esta cuarta feira que se está a denegar o acceso a beneficios e servizos a cidadás e cidadáns británicos que residen na UE, polo que reclamou aos membros do club comunitario que cumpran as súas obrigas “tal e como fixo o Reino Unido coa cidadanía da UE”, apuntou.

Quinto aniversario do Brexit

No día que se facía o quinto aniversario da votación do Brexit, Patel afirmou que estas persoas “enfrontáronse a problemas no embarque e a entrada na UE”, ademais “pídenselles documentos de residencia que non precisan ter e teñen problemas co seu dereito o traballo”. 

Comentarios