Felipe VI loa a Constitución española na Pascua Militar

O rei evita pronunciarse sobre os militares que alentan o golpismo

O rei Felipe VI, no seu discurso ante as Forzas Armadas pola Pascua Militar, resolveu cunha loa á Constitución española as declaracións e cartas protagonizadas polos militares que falaban de fusilar millóns de cidadáns e que dirixiron o monarca en chave golpista. O Borbón nin condenou nin se referiu directamente a esta cuestión.
O rei Felipe VI pasando revista ás tropas no Palacio Real (Madrid), con motivo da Pascua Militar. (Foto: Matías Nieto)
photo_camera O rei Felipe VI pasando revista ás tropas no Palacio Real (Madrid), con motivo da Pascua Militar. (Foto: Matías Nieto)

O rei Felipe VI mantivo esta terza feira ante as Forzas Armadas, no seu sétimo discurso con motivo da Pascua Militar, a mesma liña e estilo que na mensaxe retransmitida por televisión o pasado 25 de decembro, volvendo pasar por riba, sen mollar nin os pés, de distintos puntos quentes que afectan a Coroa. Así, ao igual que na mensaxe de Nadal, apelou de maneira xenérica á ética e á moral para evitar pronunciarse sobre os escándalos de corrupción que rodean a monarquía e en especial o seu pai, Juan Carlos I.

Hoxe volveu eludir o escándalos dos militares que cartearon o monarca en chave golpista, alertándoo contra o Goberno español e o perigo que, segundo dicían, corre España.

Tampouco se referiu ao recente caso denunciado polo BNG en que se celebraba nun boletín da subdirección da escola militar naval da Graña (Ferrol) "o afundimento do submarino C5 da escuadra vermella" en 1937 coa linguaxe propia do franquismo.

Felipe VI escapou destes temas afirmando onte que "todos estamos suxeitos" á Constitución española, que "é o camiño escollido libre e democraticamente polo pobo español", así como "a orixe da lexitimidade de todos os poderes e institucións do Estado". Esa lexitimidade, engadiu, "renóvase cada día respectando e observado" a Carta Magna.

Felipe VI aproveitou a ocasión para felicitar as Forzas Armadas e a Garda Civil pola súa "entrega, valor, lealdade, disciplina e humanidade", e enxalzou o seu labor na pandemia. 

Para Robles son "unha minoría insignificante"

A ministra española de Defensa, Margarita Robles, si se referiu na súa intervención aos militares xubilados que apelan ao golpismo, que enviaron cartas ao monarca e que mantiñan un chat onde falaban de fusilar milleiros de cidadás e cidadáns no Estado.

Robles asegurou hoxe que estas persoas pertencen a unha "insignificante minoría" que só se "representa a si mesma" e que "prexudica o prestixio" dunhas Forzas Armadas "modernas e altamente preparadas" para o século XXI. 

Comentarios