O rei emérito procura regularizar a súa situación fiscal polo uso de tarxetas opacas

A declaración está relacionada co emprego de tarxetas con cargo a fondos opacos do empresario mexicano Allen Sanginés-Krause, investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo. Facenda debe responder nos vindeiros días se acepta a regularización ou solicita aclaracións e cal é o importe a pagar.

Graffiti de Juan Carlos I a punto de caer, nunha céntrica rúa de Valencia. Rober Solsona  Europa Press
photo_camera Graffiti de Juan Carlos I a punto de caer, nunha céntrica rúa de Valencia. Rober Solsona Europa Press

O rei emérito Juan Carlos I presentou unha declaración ante a Axencia Tributaria para regularizar a súa situación fiscal catro meses despois de abandonar o Estado español.

A declaración, segundo informou hoxe o xornal El País, está relacionada co uso de tarxetas bancarias por parte do ex xefe de Estado e dos seus familiares con cargo a fondos opacos do empresario mexicano Allen Sanginés-Krause, investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo.

Sería este quen tería introducido grandes cantidades de diñeiro na conta do tenente coronel do Exército do Aire Nicolás Murga Mendoza, quen á súa vez pagaría con ese cartos gastos persoas do rei.

O escrito, remitido a través do seu avogado Javier Sánchez-Junco, está a ser analizado por Facenda, que debe responder nos vindeiros días se acepta a regularización ou solicita aclaracións e cal é o importe a pagar.

A comezos do mes de novembro, a fiscal xeral do Estado, Dolores Delgado, fixo pública a existencia dunha terceira investigación relativa ao monarca emérito. Dela faise cargo, ao igual que as dúas anteriores, a Fiscalía do Tribunal Supremo coa colaboración do fiscal xefe Anticorrupción Alejandro Luzón.

Esta terceira liña súmase a dúas abertas previamente a Juan Carlos I. A primeira  procura dirimir se o cobro de 65 millóns por Juan Carlos I, procedentes de Arabia Saudita en 2008, serían a modo de comisións por interceder por empresas españolas para a construción do AVE á Meca.

Esta investigación será previsibelmente arquivada por non atoparse indicios que se poidan perseguir a respecto do aforado monarca emérito.

O segundo expediente é o relativo a pagamentos cunha tarxeta de crédito dos que se poderían ter beneficiado Juan Carlos I e outros membros da súa familia, como a raíña emérita Sofía de Grecia e algúns dos seus netos, sen seren titulares da conta asociada ás mesmas.

Comentarios