Regresa o curso na UE: as escolas ante o seu maior reto

O regreso ás aulas, co coronavirus á alza, preséntase como un conflito capital na Unión Europea: nun prato da balanza, a saúde do alumnado e do profesorado; no outro, a necesidade de educación e de socialización dos primeiros, ademais da función de custodia que cumpre a escola e que permite aos proxenitores poder saír da casa e traballar.
11 August 2020, Scotland, Port Glasgow: Eight sets of twins from the Inverclyde area, pose for a photograph at Newark Primary in Port Glasgow, ahead of their first day at school. Photo: Jane Barlow/PA Wire/dpa
ONLY FOR USE IN SPAIN

11 August 2020, Scotland, Port Glasgow: Eight sets of twins from the Inverclyde area, pose for a photograph at Newark Primary in Port Glasgow, ahead of their first day at school. Photo: Jane Barlow/PA Wire/dpa

11/8/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Crianzas nunha escola de Port Glasgow, Escocia, o 11 de agosto, primeiro día do novo curso lectivo (Jane Barlow / PA Wire)

A curva de contaxios da Covid en Europa, que comezara a descender a comezos do verán, rexurdiu con forza nas últimas semanas. Esta situación provoca aínda máis incertezas ante o que será o maior reto social dos vindeiros meses: a volta ao colexio. 

A escola é unha institución multifuncional que cumpre cun papel chave na organización da sociedade moderna. Son tres as súas funcións esenciais: socializadora, instrutiva e educativa. Estas inclúen, entre outras cuestións, a aprendizaxe de normas básicas de conduta social e a adquisición de habilidades básicas instrumentais e de coñecementos científicos. 

Mais tamén, a escola cumpre unha función de custodia, que permite que os proxenitores se poidan desenvolver profesionalmente. Esta premisa, en tempos de pandemia, entra en colisión coa obriga de protexer a saúde de alumnado e profesorado. 

A opción da ensinanza telemática non parece dar resposta ao problema, especialmente nas crianzas de menor idade, ademais de polas dificultades de acceso á tecnoloxía que ten boa parte do alumnado europeo.   

Alemaña

A situación de conflito é recorrente nos principais Estados da UE e nos territorios do Reino Unido. En Alemaña, pioneiro en iniciar o curso, algunhas escolas xa reabriron na primavera con grupos reducidos, mais foi hai unhas semanas que o regreso comeza a ser global en todos os länder, que son quen teñen as competencias en educación. 

O curso é presencial en 9 dos 16 territorios e a máscara só é obrigatoria nos corredores. Hai excepcións, como en Renania do Norte-Westfalia, onde hai máis contaxios e cómpre protección respiratoria en todo momento, agás para os menores de 10 anos. 

Tras algúns contaxios, varias escolas ─a maioría en Berlín─ fecharon nos últimos días e decretouse a corentena de alumnado e profesorado. Pola contra, en Schleswig Holstein, a incidencia do virus foi mínima e as autoridades rexeitaron impor a máscara.

Francia

Os colexios galos foron reabrindo, de maneira voluntaria, a partir de maio. Axiña xurdiron focos de coronavirus que se relacionaron cos centros, polo que se decretou a súa clausura. Porén, o Goberno considerou que o período de incubación era previo á apertura e desbotou a conexión. 

Oficialmente, o novo curso escolar comeza o 1 de setembro. O Goberno anunciou unha relaxación das medidas de seguridade impostas tras o confinamento, sobre todo entre os máis pequenos. Xa non será obrigatorio levar máscara nas aulas nin o distanciamento físico, e poderán compartir obxectos. É a partir dos 11 anos que comeza a ser obrigatoria a protección, e tamén de forma xeral para o persoal laboral dos centros. 

Ademais, nun principio estaba previsto impedir que os grupos se puidesen mesturar, mais isto tamén mudou co último protocolo gobernamental (do 7 de xullo). Esta guía pide aos proxenitores a se comprometeren a "non enviar os seus fillos ao centro educativo en caso de febre (38°C ou máis)".

Reino Unido

En Inglaterra o curso escolar inicia o 3 de setembro; en Gales, dous días antes; e en Irlanda do Norte xa o fixo esta semana. En Escocia, que se adiantou ao 11 de agosto, o Goberno anunciou onte que revisará algunhas das directrices previas ante a repunta de contaxios. Por exemplo, agora o alumnado de secundaria terá que usar máscara nas zonas comúns. Gales, que apostou pola educación ao aire libre no verán, tamén revisará a súa política.

O resto das normas son laxas e inclúen ventilación das aulas e corentenas de tres días para os libros prestados nas bibliotecas.

Pola súa banda, o primeiro ministro británico, Boris Johnson, dixo que é "vital" para a súa "educación e benestar físico e mental" que o alumnado volva á escola. 

Ademais, o Goberno ameazou con multas para as familias que non leven as crianzas á escola e exixiu plans telemáticos ao profesorado en caso dun novo confinamento. En Inglaterra, a recomendación é que nin alumnado nin profesorado leven máscara. 

Italia

A reapertura das escolas italianas está prevista para o 14 de setembro. A distancia dun metro entre estudantes é chave para as autoridades, que fixeron un grande investimento en dotar as escolas de pupitres individuais.

As aulas serán máis pequenas (o Goberno anunciou este mes que contratará 84.808 profesores de forma indefinida e outros 50.000 docentes e administrativos temporalmente); e as máscaras, obrigatorias para os maiores de seis anos ─así como as pantallas protectoras para o profesorado─.

Portugal

O curso escolar portugués comezará entre o 14 e o 17 de setembro. Haberá máis días lectivos e menos de vacacións, e primarase o ensino presencial, aínda que cada escola tomará medidas concretas. Por exemplo, dividiren os grupos en quendas de mañá e tarde. 

O ensino mixto resérvase para o caso de empeorar a situación, e as máscaras serán obrigatorias nas escolas a partir dos 10 anos.

Comentarios