Rego pídelle a Sánchez que deixe a un lado o "triunfalismo" e avance en propostas concretas

O deputado do BNG recoñece pasos como os dados de cara ao dragado da ría do Burgo, pero lamenta que a avaliación do grao de cumprimento do Acordo de Investidura non se axuste “á realidade, pois non se trata só de anunciar medidas senón de polas en práctica”.

Rego nunha intervención no Congreso. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)
photo_camera Rego nunha intervención no Congreso. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)

Despois do balance do presidente do Goberno do estado español, Pedro Sánchez, respecto da súa xestión neste ano que remata, o BNG pediulle que vaia menos cara o “triunfalismo” e dea máis “pasos concretos para cumprir o acordado”.

O deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego louvou certos avances de cara aos cambios na AP-9 e ao saneamento da ría do Burgo, na Coruña, pero tamén quixo lembrar que o grado de cumprimento dos compromisos do que fala Sánchez “non se axusta á realidade”.

Desde o punto de vista de Rego, de nada vale anunciar medidas se estas non chegan a verse realizadas. Aliás, considera que a avaliación do acordo para a investidura debe ser feita por todas as partes e xa solicitou unha reunión da Comisión de Seguimento para xaneiro.

Por exemplo, mentres o Goberno español entende que coa aprobación do proxecto do Estatuto da Industria Electrointensiva chega, para o BNG non implica “unha solución real á crise” destas empresas porque “non responde aos criterios que figuran no acordo”.

Neste sentido, refírese a parámetros como unha “tarifa estábel, asumíbel e predecíbel” ou propostas como bonificar os custos de transporte para que as compañías queiran seguir apostando por manterse. Tampouco se tiveron en conta as propostas do Bloque para crear unha tarifa eléctrica galega que premie a un país excedentario en enerxía pero explotado nos seus recursos para conseguila.

Outra cuestión importante sería a reactivación de Vulcano pero o Estado “nin sequera actuou para garantir que a concesión de dominio público dos terreos afectados non fose revogada, como pretende a Autoridade Portuaria, o que tornaría inviábel a recuperación da actividade industrial".

Nos astaleiros da comarca de Ferrol tampouco se recibiu unha nova aposta en firme polo futuro.

Comentarios