O referendo de independencia de Nova Caledonia terá lugar o 4 de novembro

Os habitantes desta colonia francesa situada no Pacífico votarán nun referendo de autodeterminación o vindeiro 4 de novembro. Este referendo é resultado dun proceso de concertación coas autoridades de París posto en marcha en 1988.

fnkls
photo_camera Acto do independentista e socialista FLKNS

O Congreso de Nova Caledonia vén de aprobar a realización dun referendo que permitirá aos habitantes da illa exercer o seu dereito á libre determinación e, eventualmente, podería resultar na aparición dun novo estado independente.

A decisión foi adoptada con 38 votos a favor -do bloco independentista formado por UC-FLKNS e a Unión Nacional pola Independencia, ben como da dereita moderada de Caledonia Unida- e 14 en contra, os das forzas unionistas.

No texto aprobado polo Congreso denúnciase a negación da identidade kanaka, poboadores orixinais da illa e perseguidos durante anos polas forzas coloniais. O arquipiélago de Nova Caledonia sitúase a 1.500 kilómetros ao leste de Australia e fai parte dos 11 territorios que Francia mantén fóra das súas fronteiras.

Nova Caledonia ten unha superficie de 18 mil quilómetros cadrados (por volta de 60 por cento do territorio galego) e está moi pouco poboado, apenas 270 mil habitantes, 40 por cento dos cais son kanakos, 27 por cento de orixe europea e o resto, mestizos ou de outras procedencias.
 

Comentarios