O referendo grego para alén do ‘si’ e do ‘non'

Ás 7:00h e até as 19h deste domingo, 11 millóns de gregos e gregas decidirán se aceptan ou non as condicions impostas pola Troika para estender o programa de 'rescate'.

Aspecto da praza Syntagma na concentración do KKE polo dobre non.
photo_camera Aspecto da praza Syntagma na concentración do KKE polo dobre non.

Este domingo, 11 millóns de gregos e gregas están chamadas ás urnas. O referendo convocado polo goberno de coalición Syriza – Anel presidido por Alexis Tsipras, formularalles unha única pregunta: “Temos que aceitar o proxecto de acordo que foi presentado pola Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional no Eurogrupo do 25/06/2015, que se compón de dúas partes e que constitúen a súa única proposta?”. As opcións son ‘nai’ (si) e ‘oxi’ (non). Mais o executivo de Tsipras interpretará o ‘non’ como un aval á súa contraproposta alternativa. Extremo que é rexeitado por forzas de esquerda e polo sindicalismo de clase da república helena.

O referendo para ser valido precisa dunha participación de como mínimo o 40%

O referendo, que para ser valido precisa dunha participación de como mínimo o 40%, é unha cita crucial para resolver o futuro inmediato do país. A pasada terza feira Grecia non puido facer fronte ao vencemento de 1.500 millóns de euros de débeda co Fondo Monetario Internacional. A falla de acordo no seo do Eurogrupo, polo enrocamento da posición alemana, deixou no aire a posibilidade de estender o programa de “rescate”, necesario para que Grecia teña recursos económicos abondo para enfrontar os seus pagos. O FMI cifra as necesidades de financiamento do país heleno en 50.000 millóns de euros para os próximos tres anos. A magnitude da débeda e a auditoría internacional que concluíu que na súa maioría é ilexítima, fana a ollos de varios expertos impagábel. Porén, os acredores --con Alemaña á cabeza-- néganse a negociar unha quita.

Quen apoia que?

Nova Democracia, Pasok, To Potami, Movemento dos Socialistas Democráticos e a patronal grega apoian o SI

Malia a urxencia na convocatoria, Grecia vive inmersa nunha intensa campaña de cara ao referendo.
A prol do ‘si’, que suporía aceptaren as condicións impostas pola Troika e que se traducirían nunha nova vaga de durísimos axustes, están o conservador Nova Democracia, o socialista Pasok e máis os liberais do To Potami. Apoia o ‘nai’ tamén o Movemento de Socialistas Democráticos, unha cisión do  Pasok liderada polo ex primeiro ministro, Yorgos Papandreu. Tamén pulan polo voto afirmativo a patronal grega e a federación de organizacións de agricultores (de coñecida orientación conservadora), así como outras entidades profesionais artelladas no denominado Comité polo Si. A Troika, loxicamente, tense aplicado con forza para promover un resultado positivo da consulta.

En troca, piden o ‘non’ as dúas forzas que compoñen o actual goberno, a socialdemócrata Syriza e a dereita nacionalista Anel. O executivo de Tsipras, con el á cabeza, é o principal axente mobilizador a prol do non. Contan co apoio dalgunhas forzas extraparlamentarias como Antarsya.

Non teñen expresado unha posición concreta nin Dimar (centroesquerda, ex parceiro do goberno de concentración de ND e Pasok), nin os neonazis de Amencer Dourado, inda que no caso deste último si apoiaron a convocatoria do referendo e son partidarios do retorno ao dracma.

Polo 'dobre non'

Hai unha terceira opción non recollida na papeleta que a partir das 7:00h deste domingo terán que cubrir os e as gregas que vaian votar. É a defendida polo movemento sindical de clase, aglutinado na corrente obreira Pame (fronte militante de todos os traballadores), e as comunistas do KKE.

Denuncian a enorme coincidencia entre os termos “antisociais e antiobreiros” do novo memorando proposto pola Troika, cos recollidos na alternativa defendida por Tsipras

Desde o campo sindical denuncian a enorme coincidencia entre os termos “antisociais e antiobreiros” do novo memorando proposto pola Troika, cos recollidos na alternativa defendida por Tsipras e o seu ministro de economía, Varoufakis, en Bruxelas.

Sinalan que as diverxencias non atinxen aspectos fundamentais e ambas as partes, malia pareceren enfrontadas, defenden medidas practicamente equivalentes. Fan referencia a recortes graves como o atraso da idade de xubilación até os 67 anos (a Troika propón que se aplique en 2022, o goberno grego tres anos máis tarde, en 2025), o aumento da contribución económica que se desconta das pensións e dos salarios para atención sanitaria, o recorte do orzamento destinado ás pensións de xubilación, o aumento nun 10% da penalización económica a quen se xubile anticipadamente, a redución dos “custos laborais” do persoal público [o que se traduciría en recortes salariais ou en novos despedimentos], que sexa o memorando quen fixe o salario mínimo [limitando desta maneira posíbeis aumentos posteriores], unha reforma fiscal regresiva que aumenta a imposición indirecta (IVE) e a privatización de portos, aeroportos, infraestruturas e outras propiedades estatais.

“O NON no referendo será traducido como un SI ao memorando de Syriza. Rexeitamos ambas as opcións. A clase obreira debe elevar as súas propias demandas. Votemos coas nosas propias demandas, non coas ‘cartas marcadas’ das forzas políticas pro-UE” defenden.

A posición da Pame, que chama á clase traballadora grega a votaren unha dobre negativa, cun “non ao memorando da Troika, non ao memorando da Syriza”, conta co apoio da Federación Sindical Mundial (FSM). O Secretariado da FSM emitiu un comunicado, no que ademais de expresar a súa solidariedade co pobo grego e criticar “que os imperialistas e as transnacionais aproveitan a crise capitalista en Grecia para promover os seus propios plans”, deita duras críticas contra o goberno de Alexis Tsipras. “Os acontecementos en Grecia demostran que as grandes palabras de Syriza que supostamente ía construír unha nova arquitectura na UE, sobre a existencia tamén de “capitalistas bos”, ou que Tsipras ía converter a UE dunha unión de capitalistas nunha unión de democracia … Foron só palabras para engaiolar os traballadores” afirman.

O Partido Comunista pediu que se consultase ao povo sobre o memorando da Troika, a alternativa de Syriza e tamén sobre a saída da UE.

A aposta polo dobre non é partillada tamén polo Partido Comunista de Grecia (KKE nas súas siglas en grego). O seu eurodeputado e membro do Comité Central, Kostas Papadakis, xulga --nunha entrevista concedida ao portugués Odiario.info-- que “coa súa postura o goberno mostrou que quer chantaxear ao povo para que este aprobe a súa proposta á Troika, que é a outra face da mesma moeda. Está a pedir ao povo que aceite os seus planos antipopulares e responsabilizalo polas súas novas opcións antipopulares, sexa a través dun acordo presuntamente ‘mellorado’ cos organismos imperialistas, ou por medio dunha saída do euro e o retorno á moeda nacional, que o povo terá que pagar de novo”.

Papadakis, que sostén unha dura crítica diante do “reiterado incumprimento” das promesas electorais que deron a vitoria a Tsipras, lembra que o KKE  propuxo no Parlamento grego o pasado 27 de xuño uns termos ben diferentes para a consulta. Os e as comunistas defenderon que se sometese a referendo o rexeitamento “ás propostas de acordo da UE, do FMI, do  BCE e do goberno grego” e tamén se consultase arredor da “saída [da Grecia] da UE e a abolición dos memorandos e de todas as leis da súa aplicación”. A maioría parlamentaria Syriza-Anel tombou esa proposta.

Empate técnico

O voto indeciso será quen determine a vitoria do 'si' ou do 'non'

O resultado do referendo neste momento parece incerto. A meirande parte das prognoses describen un empate técnico entre o ‘si’ e o ‘non’. Os últimos inquéritos realizados visan o axustado da votación a poucas horas de se abriren as urnas.

A enquisa de Metron Analysis recolle que o ‘non’ vencería cun 47% fronte o 46% do si. A realizada por GPO atribúe a vitoria ao ‘si’ por un 44,1% fronte ao 43,7% do ‘non’. A sondaxe elaborada por Alco rexistra tamén o triunfo pola mínima do ‘si’, cun 44,5% fronte o 43,9%. Un resultado equivalente ao publicado por Ipsos, que atribúe un 44% ao voto afirmativo, apenas un punto por acima do non. Neste contexto, a orientación do voto indeciso que se situaría por acima do 10% será o que determine o resultado do referendo.

Comentarios