Referendo no curto prazo pola unidade de Irlanda

“O proceso debería principiar agora”, di Gerry Adams.
belfast
photo_camera Belfast

“O proceso debería principiar agora. Creo que un referendo sobre a unidade irlandesa pódese facer e gañar. É hora de fixar unha data para o referendo e deixar que a xente se exprese”. Gerry Adams, o veterano líder republicano, xa non está na primeira liña do combate político en Irlanda nin é o líder do Sinn Féin, cargo que ocupou durante 40 anos. Mais continúa a marcar o rumbo para os partidarios da unión de Irlanda e pola súa boca segue a falar o Sinn Féin.

A declaración de Adams volve situar sobre a mesa a cuestión do referendo para a unidade de Irlanda, una ferramenta que figura no acordo de paz de Irlanda do Norte e que o Brexit volveu situar no debate político.

“O referendo de unidade é agora un tema cotián de debate político. O Goberno irlandés ten o deber e a obriga constitucional de facer preparativos para a unidade”, afirmou Adams.

E nesa liña traballa o Sinn Féin. Así, a actual lideresa do partido republicano, Mary Lou McDonald, sinalou que o referendo sobre unha Irlanda unida era simplemente unha cuestión de “cando”. McDonald advertiu que debe traballarse a 5 anos vista para desenvolver esda consulta.

“O Goberno irlandés e todos os que din que agora non é o momento de falar da unidade están errados. O Brexit mudou todo. Moitas persoas, por primeira vez, están a considerar agora o seu futuro nunha Irlanda unida. Levarase a cabo un referendo sobre a unidade, como se estabelece no Acordo do Venres Santo. Non se trata de 'se', senón de 'cando'», apuntou.

O Acordo do Venres Santo recolle que o Secretario de Estado británico para a Irlanda do Norte debe convocar un referendo “e que unha maioría dos votantes puidese expresar un desexo de que Irlanda do Norte deixase de ser parte do Reino Unido e facer parte dunha Irlanda unida”.

Nas eleccións irlandesas de febreiro o Sinn Féin  foi o máis votado. Malia iso, Fine Gael e Fianna Fail acordaron unha coalición de Goberno co apoio dos Verdes para impedir que a esquerda do Sinn Fein gobernarse.

Comentarios