Grazas á presión das organizacións palestinas e dos movementos internacionais en solidariedade coa súa causa, en 2013 Bruxelas resolveu non conceder financiación a proxectos formulados desde os asentamentos que partisen da asunción da soberanía israelí sobre os territorios ocupados. Mais a xuízo da Rede Sindical Europea isto non é suficiente. As colonias sionistas continúan comerciando con Europa, o que, segundo un recente informe da OIT, dana os dereitos das traballadoras e traballadoree palestinos, alén de impedir o desenvolvemento da súa economía nacional.
Comerciar cos enclaves é tanto como recoñecer a súa existencia xurídica, ou sexa, é lexitimar a súa existencia, argumenta na súa carta a Bruxelas a RSEXP. A misiva vai dirixida a Federica Mogherini, alta representante da UE para Asuntos Exteriores e Política de Seguranza.
Bruxelas tampouco ten tomado ningunha medida para impedir que empresas da UE participen en negocios nos asentamentos ilegais, denuncia a Rede Sindical Europea. que nese sentido pon en destaque que o Defensor Xeral do Tribunal Europeo de Xustiza ten estabelecido que as empresas europeas deberían etiquetar os produtos elaborados polos colonos israelís, do mesmo xeito que se facía cos sudafricanos durante o apartheid, con vistas a que as persoas consumidoras podan boicotealos por motivos éticos.
Comerciar cos enclaves é tanto como recoñecer a súa existencia xurídica, ou sexa, é lexitimar a súa existencia argumenta na súa carta a Bruxelas a RSEXP
"Para ser coherente coa súa propia lexislación, a UE e todo os estados europeos deberían ir máis lonxe e acabar con todas as relacións económicas cos asentamentos ilegais de Israel", dixo en rolda de prensa Koen Vanbrabandt, presidente da Rede Sindical Europea para a Xustiza en Palestina.
"O movemento sindical, actuando co espírito da solidariedade internacionalista da clase obreira, e en defensa dos dereitos humanos fundamentais, ten clamado con insistencia por unha xusta solución para o conflito israelí-palestino. Os valores fundamentais do internacionalismo lévanos a desenvolver accións concretas e efectivas para facilitar a posta en práctica das resolucións da ONU [conculcadas por Israel], de acordo coa lexislación internacional e con vistas a conseguir unha paz xusta e igualitaria para todos", afirma a Rede na misiva a Mogherini.
A UE é o maior socio comercial de Tel Aviv, até o punto de que un terzo das exportacións israelíes van a estados membros da Unión.