Reda Benzaza: "O pobo rifeño sobrevive coas achegas da diáspora"

Este verán, coincidindo coa festa do Trono, o rei de Marrocos, Mohamed VI, concedeu o indulto a varios membros do movemento Hirak, en prisión desde a primavera de 2017 tras participaren nas protestas pola morte de Mouhcine Fikri, un vendedor de peixe de Alhucemas, símbolo da marxinación histórica do Rif.
Reda Benzaza (Plataforma de apoio ao Rif)
photo_camera O portavoz da Plataforma de apoio ao Rif, Reda Benzaza, nunha foto cedida por Hirak (Nós Diario)

Cal é a situación actual dos presos do Hirak? Foron todos liberados?

O 29 de xullo foron liberados 25 compañeiros. Karim Amghar [artista rifeño], que fora condenado a dez anos de prisión, tamén foi liberado. Agora mesmo hai 22 presos políticos nos cárceres marroquís. Ademais, desde o pasado día 13 de agosto, Nabil Ahamjik e Nasser Zefzafi están en folga de fame. O majzen [oligarquía e poderes fácticos] está a utilizar as institucións penais para se vingar, e actualmente están en illamento. Á folga de fame sumáronse o resto de presos políticos que están noutros cárceres como o de Selouan ou o de Guersif, agás aqueles cuxo estado de saúde non llela permite facer. Por exemplo, Wassim Boustatti, que precisa ser operado do corazón con urxencia; ou Achraf Moudid, que tentou suicidarse no 14 de agosto inxerindo lixivia no cárcere de Selouan. 

Houbo condicións?

O proceso foi froito dunha serie de negociacións que tiveron lugar entre as reixas do cárcere de Tánxer II. Aplaudimos esta rectificación por parte de Marrocos, mais é insuficiente. Estas persoas non cometeron ningún delito e deben ser liberadas de maneira inmediata, sen ningunha condición. 

Melloraron as circunstancias socioeconómicas no Rif desde o nacemento do Hirak? 

Nós non as vimos. Marrocos viña cun paquete de medidas para paliar a marxinación e a exclusión socioeconómica, que consistía basicamente en construír unha serie de complexos turísticos en contornas naturais, coa aniquilación de bosques como o de Suani. O sector pesqueiro pasou de ser a fonte de ingreso máis importante da rexión para desaparecer por completo, co éxodo de barcos pesqueiros a Agadir [na costa atlántica, no sur de Marrocos]. No medio rural as familias teñen os seus propios cultivos para subsistir. 

Mais ante a carencia dunhas políticas económicas que saquen o Rif da marxinación, a poboación viuse obrigada a vivir da economía non declarada, cun comercio atípico con Ceuta e Melilla que se viu asfixiado polo fechamento permanente de fronteiras. O verdadeiro soporte á economía familiar no Rif provén das achegas da diáspora rifeña en Europa; vivimos das axudas das nosas familias emigradas. Se houbo algún tipo de mellora socioeconómica, desde logo a poboación non a percibimos: en plena pandemia as pateras non pararon de saír desde o Rif.

E a nivel político, continúa o enfrontamento con Rabat? 

O noso enfrontamento é coa marxinación á que fomos sometidos ao longo da historia até a actualidade, cos índices de paro máis elevados do país, onde hai vilas sen escolas e as crianzas teñen que facer grandes distancias a pé debido á falta de estradas para iren ao colexio. A comunicación con outras rexións do país só se pode facer por estrada nunhas condicións de asfaltado moi deficientes debido a que foron construídas no século pasado. 

A nosa lingua, o amazigh, foi por fin recoñecida como oficial na reforma constitucional de 2011, mais seguimos vivindo episodios discriminatorios: hai compañeiros que en 2017 non o puideron utilizar para se dirixir ao xuíz. Marrocos é un país centralista onde máis da metade do PIB se concentra en Rabat e Casabranca.

A cuestión identitaria tamén está presente...

A cuestión identitaria do pobo amazigh sempre existiu e continuará a existir. Con todo, no marco deste movemento popular as reivindicacións foron económicas, sociais e culturais.

Hai opcións de entendemento?

Cando chegou ao trono, Mohamed VI prometeu un cambio de era e promoveu unha campaña de reconciliación co Rif, mais por desgraza ficou nunha campaña mediática porque, na cerna, o Rif continúa máis asfixiado que nunca no ámbito económico, social e cultural. 

Hai 1.583 persoas contabilizadas que foron procesadas por reivindicar dereitos básicos como un centro oncolóxico. Para recibir calquera tratamento haise que ir até Fez [a máis de catro horas en coche desde Alhucemas]. E a Universidade máis próxima está en Oujda [a unha distancia similar]. Marrocos debe mudar o rumbo das súas políticas para se poder reconciliar co Rif. 

O Rif ten unha longa tradición de resistencia política: manterase o espírito do Movemento 20-F? Cumprirá Rabat coas súas promesas ou intensificará a represión?

O 20-F foi un movemento que naceu en 2011. O Hirak, ou Movemento Popular do Rif, emana de todas as loitas anteriores do noso pobo, tamén do 20-F. Na actualidade a prioridade é liberar todos os presos políticos; sen ese paso non podemos falar dos seguintes. Unha vez liberados debe haber un pronunciamento público que permita ás persoas exiliadas retornar con garantías de que non van ser apresadas. E Marrocos debe levantar o decreto real de militarización, que continúa en vigor desde o ano 1958, e cumprir coas demandas lexítimas do pobo rifeño.

"O 'majzen' non pode xulgar sobre o 'majzen'"

O 28 de outubro de 2016, a morte de Mouhcine Fikri, triturado nun camión do lixo cando tentaba recuperar unha mercadoría confiscada pola Policía, reactivou o descontento latente dunha sociedade historicamente marxinada pola Administración central. As manifestacións foron contestadas con detencións masivas nos meses seguintes. En outubro de 2019, Zhora Koubia, da Asociación Marroquí de Dereitos Humanos, trasladaba unha denuncia presentada ante a xustiza por supostos malos tratos aos presos. Reda Benzaza afirma que teñen pensado acudir aos tribunais internacionais. "As denuncias que apuntan o majzen non poden ser resoltas por tribunais controlados polo majzen", sinala. Tamén, explica, levarán o caso dos cinco mozos do Movemento 20-F, "torturados até a morte" en 2011, así como o falecemento do propio Fikri.

Comentarios