Recrúa a guerra na direita mediática: El Mundo acusa a ABC de pactar a pergunta a Rajoy

Rajoy levaba a resposta escrita. Moncloa saltou os usos e costumes das conferencias de imprensa e outorgou o direito a perguntar ao ABC. 

Nas conferencias de imprensa con persoalidades internacionais, o uso e costume é que a imprensa española só poda realizar dúas perguntas ao xefe do goberno.

Nese caso as/os xornalistas que cobren a información na Moncloa pactan entre elas e eles os contidos das dúas perguntas.

Hoxe acordaran que as cuestións as realizarían El Mundo e Efe.

Rajoy, alertado polo seu gabinete de comunicación, saltou este acordo e outorgou o direito a perguntar a un xornalista do ABC.

Este, para surpresa de todos os xornalistas, recolleu a luva e formulou unha pergunta, absolutamente obsequiosa co presidente do goberno. Tanto que no seu contido figuraba a expresión "chantaxe fallida" para se referir á que lle tería tentado facer Bárcenas a Rajoy. Isto é, a pergunta contiña a tese básica do aparato monclovita: os sms só demostran que Bárcenas tentou chantaxear a Rajoy. A presenza de Bárcenas na cadea sería a proba definitiva de que Rajoy non se submetera á chantaxe.

No seu twitter, @pedroj_ramirez dirixiu este torpedo ao ABC: "No seu papel de mamporreiro, a prensa marianista está a ser tan patética como a felipista, pero moito máis inepta". Mentres, o xornalista de El País Carlos E. Cue deitou este chío: "Bochorno. Por primeira vez Moncloa rachou o acordo e no canto de lle dar a pergunta aos xornalistas pactados entre todos deulla ao Abc".

Rubido responde a Pedro J.

Non demorou en contestar Bieito Rubido, director de ABC, ao ataque de Pedro Jota. Tamén desde twitter: "Alguén que se denomine xornalista pode demostrar todas as calumnias que se están a dicer. Aquí só hai un pacto El Mundo con Bárcenas".

Comentarios