Récord de suicidios nas prisións italianas

México anunciaba esta semana a excarceración dos maiores de 65 anos e daqueles vítimas de torturas, co problema da sobrepoboación das prisións como principal motivación. Problema en aumento en todo o mundo. Tamén nos países máis desenvolvidos, tamén na UE: os froitos da conxestión deixan en Italia violencia, drogadición e morte.
sobrepoboacion_carceraria_onu
photo_camera O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou en dúas ocasións a Italia pola saturación carceraria (Foto: Unodc)

Nas dúas primeiras décadas deste século a poboación mundial medrou en 21%, mais o número de presos fíxoo en catro puntos máis, segundo datos da Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito (Unodc, en inglés). En cifras absolutas isto significa que entre os anos 2000 e 2019 foron encarceradas 11,7 millóns de persoas, o equivalente a poboación de toda Bélxica ou Bolivia.

Ademais, en aproximadamente a metade dos países dos que se dispoñen datos, os sistemas de prisión están a operar por riba da capacidade do 100%, de acordo coa Unodc, organismo encargado de facer gardar as Normas Mínimas para o Tratamento dos Reclusos, as coñecidas como as Normas Nelson Mandela

O World Prison Brief, base de datos do Instituto de Investigación de Política Criminal, do Birkbeck College da Universidade de Londres, reflicte ademais que son os países menos desenvolvidos os que rexistran cifras de maior sobrepoboación (República do Congo, Filipinas, Haití, Guatemala e Camboxa, ocupan os primeiros cinco postos).

Esta clara tendencia non é, porén, exclusiva dos países con menos recursos. México, cun índice de desenvolvemento humano alto, arrastra este problema desde hai tempo. O Órgano Administrativo Desconcentrado de Prevención e Readaptación Social (Oadprs) informou en marzo pasado dunha sobrepoboación en 172 dos 288 centros penitenciarios federais.

Motivado por esta situación, o Goberno anunciou na quinta feira que antes do 15 de setembro excarcerará os reclusos maiores de 75 anos, os maiores de 65 anos con enfermidades crónicas, os que levan presos 10 anos sen que se dite sentenza e as persoas vítimas de torturas dentro de prisión.

O executivo de Andrés Manuel López Obrador xustificou en parte esta situación pola saturación dos xulgados. "Non é posíbel que se teña unha dilación na administración de xustiza, de tal maneira que teñamos unha poboación privada da súa liberdade sen ningunha sentencia definitiva", sinalou a secretaria de Gobernación, Olga Sánchez Cordero.

Protestas e malleiras

Algúns dos países máis desenvolvidos do mundo tampouco escapan á soprepoboación carceraria. Nun informe publicado o pasado 8 de abril, o Consello de Europa (organismo independente da UE) poñía de manifesto que os cárceres de Italia son os máis saturados de Europa con 120 reclusos por cada 100 camas. Tamén Bélxica (117 por cada 100) ou Francia (116 por cada 100) superan a capacidade dos seus sistemas penitenciarios, como Chipre (116), Hungría e Romanía (113) e Grecia e Eslovenia (109).

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, fundado polo Consello de Europa, xa condenou en dúas ocasións por esta situación a Italia, que conta cun total aproximado de 61.250 presos nos seu cárceres, arredor de 10.000 máis da súa capacidade.

O primeiro ministro italiano, Mario Draghi, prometía o pasado 14 de xullo unha reforma penitenciaria para paliar a situación, logo da publicación no xornal Domani dun vídeo onde se mostra varios gardas golpeando con porras e dando patadas aos presos na prisión de Santa Maria Capua Vetere, próxima a Nápoles, como represalia a unha revolta o ano pasado. Máis persoal, mellor adestrado, e máis módulos foron as solucións propostas pola ministra de Xustiza, Marta Cartabia.

Reinserción sen medios

A sobrepoboación carceraria provoca unha gran tensión interna. A asociación italiana polos dereitos dos presos Antigone acaba de presentar o seu informe anual con datos ao respecto. Por exemplo, recollen que o número de suicidios entre os reclusos se disparou: 18 en 2021, que se veñen a sumar aos 62 de 2020, a cifra máis alta dos últimos anos.

O informe tamén apunta que un de cada catro presos é drogodependente, 10% máis que hai 15 anos. E que 15% de toda a poboación carceraria italiana está presa por delitos relacionados coas drogas. Antigone defende que "a desconxestión das prisións debe comezar pola modificación das leis sobre as drogas".

Tamén piden unha "intervención urxente" á respecto da contratación de persoal civil (educadores, mediadores, psicólogos). "A detención custa ao Estado 3.000 millóns de euros, dos que 68% se destinan aos gardas penitenciarios", sinalan. O desequilibrio entre responsábeis da custodia e da reinserción social é elocuente: 1 garda por cada 1,6 internos, e 1 educador por cada 91,8 internos. 

Saturación das prisións en tempos de Covid

Tanto a Unodc, a nivel mundial, como Antigone, no caso italiano, tamén salientan a situación de precariedade que se vive nos cárceres saturados á hora de combater a pandemia. Os espazos reducidos, a pouca limpeza e a ausencia de equipos de protección persoal favoreceron a circulación da Covid-19 moito máis que no exterior. Ademais, algúns centros penitenciarios restrinxiron o tempo de lecer, as actividades laborais e os dereitos de visita, elementos fundamentais para a reinserción dos internos. En Italia, produciuse unha transición do réxime de cela aberta ao de cela pechada (de illamento) en 24% dos centros penitenciarios, aínda que o primeiro segue a ser predominante. En decembro de 2020, a media era de 179 positivos por cada 10.000 persoas dentro das prisións e de 110 por cada 10.000 no exterior. Segundo datos da Unodc, arredor de 4.000 internos de 47 países faleceron a consecuencia da Covid-19. 

comentarios