INTERNACIONAL

Récord de mortes por Covid en Portugal

Récord de mortes por Covid en Portugal

Hoxe foi o primeiro día do recollemento decretado polo Goberno luso que se estenderá como mínimo até o vindeiro 21 de novembro.
antonio_guterres_portugal
photo_camera O primeiro ministro de Portugal, António Guterres, cunha máscara do Serviço Nacional de Saúde (Goberno de Portugal)

Portugal viviu esta segunda feira o seu primeiro día baixo a nova situación de estado de alarma, que inclúe unha chamada ao recollemento diario entre as 23 horas e as 5 horas e nas próximas dúas fins de semana de 13 horas a 5 horas (coa excepción das saídas a tendas e supermercados).

Son as comarcas con maior índice de contaxiados por Covid as que están sometidas a estas restricións ─en total 121, incluídas Lisboa e o Porto─ e estarán activas polo menos até o próximo 21 de novembro.

Unha medida aprobada no Consello Ministerial extraordinario que se desenvolveu o pasado sábado e que entrou en vigor xusto cando se confirmaron os peores datos de falecementos por Covid desde o inicio da epidemia no país.

Portugal rexistrou onte 63 mortes máis e 4.096 novas infeccións. No total, desde marzo, o país tivo 2.959 vítimas mortais e 183.420 persoas infectadas. Os dados da Direcção-Geral da Saúde (DGS) foron divulgados onte, mais fan referencia ao domingo.

A gran parte dos casos que constaban no boletín de onte foron detectados en dúas rexións do país: 2.265 novos casos no Norte (e 33 das 63 mortes) e 1.217 en Lisboa e Vale do Tejo (22 das 63 mortes).

Ademais, desde o sábado 129 persoas máis foron ingresadas en hospitais e outras 13 en cuidados intensivos, o que eleva a cifra total a un novo máximo: 2.651 doentes internados, 391 destes nas unidades de cuidados intensivos.

"Mal menor"

Neste contexto, o primeiro ministro, António Costa, defendeu onte as medidas restritivas aprobadas.

"Se todos ficarmos doentes, não há Serviço Nacional de Saúde (SNS) que nos valha", sinalou e admitiu que o recollemento nas fins de semana é un "mal menor", comparado cun confinamento durante a semana e que "não vale a pena ter a ilusão de que se enfrenta esta pandemia sem dor", informou a RTP

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios