Reconciliación e impunidade non poden ir da man en Irlanda do Norte, alerta a ONU

Nas case tres décadas de conflito en Irlanda do Norte, unhas 3.500 persoas faleceron vítimas da violencia armada. O Exército e a Policía foron os executores dunha gran parte desas mortes, en situacións aínda sen esclarecer. E así, baixo un manto de sombras, ficarán de saír adiante a lei proposta por Londres, que a ONU acaba de criticar con dureza.
EuropaPress_3602642_12_march_2021_united_kingdom_belfast_ukprime_minister_boris_johnson_greets
photo_camera Boris Johnson e Brandon Lewis, nunha visita en marzo á base militar de Aldergrove, perto de Belfast (Foto: Peter Morrison / PA Wire)

Unha "amnistía de facto" e unha "total impunidade ante as graves violacións dos dereitos humanos cometidas durante aquel período". Esta é a conclusión á que chegaron dous expertos independentes do Consello de Dereitos Humanos da ONU a respecto do plan anunciado polo Goberno británico de deixar de investigar e xulgar os crimes cometidos nas tres décadas de conflito armado en Irlanda do Norte.

Brandon Lewis, secretario de Estado do Reino Unido para Irlanda do Norte (cargo similar ao do delegado do Goberno español na Galiza), anunciaba en xullo a proposta de introducir unha lei que vete calquera investigación relacionada con aquela época eufemisticamente chamada The Troubles ("Os Problemas") e que prescriban os delitos cometidos "por todas as partes".

"Expresamos a nosa fonda preocupación por que o plan [...] frustre o dereito das vítimas á verdade e a unha cura eficaz polo dano sufrido, colocando o Reino Unido nunha violación flagrante das súas obrigas internacionais", manifestan os dous expertos da ONU nun comunicado publicado nas últimas horas.

Lewis xustificou a histórica medida, que previsibelmente será aprobada no outono pola ampla maioría do Partido Conservador en Westminster, sinalando que a verdade, a memoria e a reconciliación podíanse ver obstaculizadas pola acción da xustiza criminal. Unha xustificación que para os relatores da ONU "mestura reconciliación con impunidade".

"Os compoñentes esenciais desde a perspectiva dunha xustiza da transición ─verdade, xustiza, reparación, memoria e garantías de non-recorrencia─ non poden ser compensados uns con outros nun exercicio de seleccionar os que máis conveñen", din Fabián Salvioli, relator para a promoción da verdade, a xustiza e a reparación; e Morris Tidball-Binz, relator sobre execucións extraxudiciais, sumarias ou arbitrarias. 

"Caza de bruxas"

Máis de 3.500 persoas perderon a vida e outras 40.000 resultaron feridas durante o conflito, que se estendeu desde comezos da década de 1970 até a sinatura de paz en 1998, co Acordo de Venres Santo. O Partido Conservador exixe desde hai anos "a fin da caza de bruxas" para os militares que estiveron despregados en Irlanda do Norte.

Brandon Lewis presentaba no Parlamento británico a proposta o 14 de xullo, poucos días despois de que a Fiscalía anunciase a súa intención de abandonar o proceso xudicial contra dous exsoldados pola morte de dous homes no Domingo Sanguento, en 1972; e contra outro soldado pola morte dun adolescente de 15 anos seis meses despois. Previamente, un tribunal tamén se inhibira no caso contra dous militares acusados de matar en 1972 o dirixente do IRA en Belfast Joe McCann.

E a mediados de maio, a xustiza de Irlanda do Norte ditaminaba que os dez civís mortos por disparos do Exército británico entre o 9 e o 11 de agosto de 1971 nas rúas do barrio de Ballymurphy de Belfast eran "completamente inocentes". Nun comunicado, as familias dos asasinados criticaron con dureza a proposta de vetar a investigación dos crimes cometidos durante os Troubles.

"Consideramos que é un intento cínico do Goberno británico para estabelecer unha amnistía e un plan que enterre os seus crimes de guerra", sinalaron, e salientaron que o caso do Masacre de Ballymurphy é o "exemplo perfecto" de por que non debe ser aprobada esta norma de punto e final. "É un crime de guerra e os responsábeis deben render contas", engadiron.

DUP e Sinn Féin

A proposta de "amnistía" do Goberno británico atopou a oposición tanto do Partido Unionista Democrático (DUP), que considera que "demasiados terroristas xa foron liberados con anterioridade", como do Sinn Féin. 

A líder en Belfast dos republicanos, Michelle O'Neill, acolleu onte con satisfacción a declaración dos relatores da ONU, e insistiu en que o obxectivo de Londres é  "colocar as forzas de seguridade do Estado fóra do alcance da lei", ao tempo que "continúa a denegar a verdade ás familias".

"A intervención dos expertos da ONU, neste momento, é un sinal máis de que a comunidade internacional está alerta, atenta e consciente do cínico intento do Goberno británico por tapar a súa guerra sucia en Irlanda", afirmou.

50 anos do "internamento" dos Seis Condados

Esta semana conmemorouse o 50º aniversario do comezo do "Internment", o arresto sen xuízo de sospeitosos de pertencer ao IRA estabelecido polo Goberno británico nos Seis Condados (os seis dos nove da provincia irlandesa do Ulster que están baixo soberanía británica). Entre o 9 e o 10 de agosto de 1971, desenvolveuse a Operación Demetrius, que levou á detención de 342 persoas. As protestas na rúa foron reprimidas con violencia: 23 persoas perderon a vida neses dous días, incluídas as dez do Masacre de Ballymurphy en Belfast. O operativo militar provocou o repudio da comunidade católica e impulsou o recrutamento do IRA, tal e como faría seis meses despois o Domingo Sanguento en Derry. Desde ese 9 de agosto até final de 1971 houbo 150 mortes. E en 1972, o peor ano dos Troubles, case 500. Unhas 2.000 persoas foron arrestadas ─e moitas torturadas, tal e como ditaminou o Tribunal de Estrasburgo─ até a fin do "internamento" en 1975.

Comentarios