O Alto Tribunal denegárao co pretexto de que ía ser televisado

Piden ao Supremo espazo para observadores internacionais no xuízo polo referendo

A plataforma International Trial Watch anuncia que haberá representantes acreditados ás portas do edificio no que se xulgarán os presos independentistas "desde o primeiro día"

M.Ferrer (Ara.cat)
photo_camera M.Ferrer (Ara.cat)

A plataforma International Trial Watch-Catalá Refedendum Case (ITW) vén de anunciar que pedirá unha xuntanza co presidente da Sala Segunda do Tribunal Supremo español, Manuel Marchena, para reiterar a súa solicitude de reservar espazos para os observadores internacionais no xuízo contra o referendo do 1 de outubro de 2017 que arrancará o vindeiro día 12. 

Nun comunicado, a entidade asegurou que seguirá "traballando para que a observación acreditada poda ser posíbel", aínda que o Supremo o rexeitara onte alegando que non era necesario por se tratar dun proceso televisado. A ITW lembra que a plataforma se creou precisamente para "facilitar a presenza acreditada de observadores que se desprazarán expresamente desde cidades europeas e americanas para cumprir o mandato das organizacións internacionais de dereitos humanos como desde fai anos desenvolven en numerosos países do mundo ".

International Trial Watch sinalou tamén que se encargará de "facilitar e acreditar un equipo de catedráticos e profesores de Dereito penal, procesal e constitucional de varias universidades españolas que se desprazarán a Madrid para poder asistir á sala na que se celebrará o xuízo contra o referendo do 1-O. A entidade quixo reivindicar a súa independencia e autonomía institucional, política e económica a respecto de calquera organismo  e asegurou que non ten relación coas peticións dalgunhas partes procesais. Anunciou ademais que desde o primeiro día do xuízo haberá representantes acreditados pola ITW ás portas do Tribunal Supremo.

Comentarios