A rebelión kirchnerista consúmase e o albertismo dá un golpe na mesa

Conatos de dimisión nun Goberno arxentino dividido.
goberno_arxentina
photo_camera Fernández, no centro, co cuestionado ministro de Economía á súa dereita, nun acto na cuarta feira (Foto: Alberto Fernández / Twitter)

"A coalición de Goberno debe escoitar a mensaxe das urnas e actuar con toda responsabilidade. Debémolo facer, e farémolo, para asegurar que se satisfagan as necesidades do noso pobo". Así se manifestaba no Twitter esta quinta feira, 16 de setembro, o presidente da Arxentina, Alberto Fernández, tras a ameaza de rebelión no Goberno da véspera.

"Non é este o tempo de suscitar disputas que nos desvíen" do camiño de "dar respostas honrando o compromiso asumido en decembro de 2019", continuaba o mandatario, en posicións máis moderadas dentro da coalición Fronte de Todos (FdT), coa corrente kirchnerista na esquerda.

O ministro do Interior, Eduardo de Pedro, e outros catro ministros fieis á ex presidenta e actual vicepresidenta arxentina, Cristina Fernández, presentaron a súa dimisión a Alberto Fernández na cuarta feira, no medio da tensión xerada pola contundente derrota nas eleccións primarias (PASO) do pasado domingo.

De Pedro, na carta enviada a Alberto Fernández, escribiu: "Escoitando as súas palabras do domingo pola noite, onde suscitou a necesidade de interpretar o veredicto que expresou o pobo arxentino, considerei que a mellor maneira de colaborar con esa tarefa é pondo a miña renuncia á súa disposición".

Renuncia que, segundo adiantou La Nación citando fontes da Presidencia, Alberto Fernández tería aceptado, e que horas despois a propia Presidencia negaba. 

Ao mesmo tempo, na serie de nove entradas no Twitter, o presidente facía ese chamamento á unidade. Mais tamén daba un golpe de autoridade na mesa, resumido na seguinte frase: "Oín o meu pobo. A altisonancia e a prepotencia non aniñan en min. A miña xestión de goberno seguirase a desenvolver do modo que eu estime conveniente. Para iso fun elixido".

Tensión verbal

Un exemplo da tensión entre o albertismo e o kirchnerismo evidenciouse nas declaracións da deputada Fernanda Vallejos, que nun audio filtrado nesta quinta feira por Radio Mitre chamaba ao presidente "okupa, mequetrefe e atrincheirado na Casa Rosada"; aos ministros albertistas, "inútiles"; e ao xefe de Gabinete, Santiago Cafiero, "pallaso". Vallejos pediu desculpas posteriormente.

O desencontro ten que ver coa cuestión económica. O kirchnerismo exixe desde hai tempo unha renovación do Goberno, e considera que as PASO lle dan a razón. O ministro de Economía, Martín Guzmán, é o máis sinalado, ao tempo que o máis protexido por Alberto Fernández.

Coa capacidade adquisitiva diminuída en 10% desde 2019 e un medre na inflación de 51%; co nivel de pobreza alcanzando xa 42% e unha caída de dez puntos do PIB en 2020, as medidas de maior disciplina fiscal adoptadas por Guzmán nos últimos meses en detrimento de axudas a sectores vulnerábeis ─caladoiro de votos do kirchnerismo─ foron a gota que colmou o vaso.

Disciplina fiscal que se explica pola espada de Damocles do Fondo Monetario Internacional (FMI), con quen Arxentina negocia o refinanciamento de débedas por 45.000 millóns de dólares (38.000 millóns de euros).

O kirchnerismo avoga por medidas directas para aliviar as carencias económicas, ante a ameaza de que as eleccións de novembro non só reproduzan o resultado das PASO, senón que sexa peor. Mais as mensaxes do presidente no Twitter indican que manterá as políticas que en 2019 lle permitiron atraer os votantes da clase media que catro anos votaran por Macri. Clase media especialmente golpeadas nestes últimos dous anos. 

Comentarios